No BNG desenmascaramos a hipocresía do PP co emprendemento e PeMES
Mentres presenta eventos de emprendemento o Goberno Local apoia a suba nas cotizacións para persoas autónomas e emprendedoras.
O Grupo Municipal do BNG presentou no pasado mes de febreiro unha moción para que a Corporación tomara posición en contra da suba nas cotizacións que afondan aínda máis no estrangulamento económico das persoas autónomas e emprendedoras.
O Grupo Municipal do Bloque vén de denunciar que mentres o Goberno Local presenta eventos de emprendemento apoia a suba nas cotizacións para persoas autónomas e emprendedoras. E é que no pasado mes de febreiro o BNG presentou unha moción para que a Corporación tomara posición en contra da suba, por parte do Goberno español, nas cotizacións a persoas autónomas e emprendedoras e o Goberno do Partido Popular votou en contra desta moción.
No BNG salientamos que a situación económica para moitas persoas autónomas e titulares de PeMES é crítica, persistindo as dificultades para obter liquidez. Situación esta que se ve agravada na actualidade pola política económica emprendida polo Goberno Central, sobre todo por unha reestruturación financeira que non asegurou que os inxentes fondos públicos destinados ao apoio do saneamento da banca tivesen como destino final os sectores produtivos, e dun xeito máis concreto polas decisións adoptadas sobre o acrecentamento dos custos sociais, a través do aumento das cotizacións para autónomos e autónomas.
Así lembramos no BNG que o Goberno español aprobou por unha banda, un incremento da base mínima para persoas autónomas, que é a cotización maioritaria en Galiza, que provoca un acrecentamento de máis de 60 euros ao ano e por outra banda, un considerábel incremento das cotizacións mínimas para as persoas autónomas que contan con 10 ou máis persoas empregadas no último ano, así como as persoas traballadoras autónomas incluídas neste réxime especial ao abeiro do que estabelece a disposición adicional vixésimo sétima do texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social, que representa unha suba do 22%, case 60 euros ao mes. Afondando todo isto no estragulamento económico ás persoas autónomas e a emprendedoras.
Pois ben, estas medidas, sinala o Grupo Muncipal, que provocarán unha maior desaparición de autónomos e de pequenas empresas, limitando aínda máis a capacidade de xeración de emprego, principal problema económico na Coruña e na Galiza, non foron obxecto dun posicionamento contrario por parte do Goberno Local o pasado mes de febreiro ante a moción que presentou o BNG.