O PP elude responder se vai revisar de oficio os acordos sobre o sector S7 de Someso
A Coruña, 6 de maio de 2013.- O Goberno municipal, ao que o portavoz nacionalista, Xosé Manuel Carril, acusou de "facer que fai" respecto do caso Someso, eludiu responderlle ao BNG se ten pensado proceder á revisión de oficio, solicitada xa polas nacionalistas o 8 de febreiro, por causas de nulidade de pleno dereito dos actos e acordos administrativos sobre o sector S7 de Someso.
Carril expuxo na súa intervención que o pasado 8 de febreiro de 201 o Grupo Municipal do BNG rexistraba unha solicitude para a revisión de oficio dos actos e acordos administrativos relativos ao sector S7 de Someso. Neste escrito, apuntou o portavoz nacionalista, advertíamoslle ao alcalde de que a revisión destes actos e acordos non é unha decisión discrecional, senón de obrigado cumprimento. Ademais, salientou, sinalábamos que, de non facelo, podería estar incorrendo nunha prevaricación omisiva. Tamén puxo de manifesto Carril que na sesión plenaria de marzo as nacionalistas formularon un rogo oral para que se revisasen de oficio estes actos e acordos administrativos.
O portavoz do Grupo Municipal do BNG salientou que en resposta a unha pregunta escrita das nacionalistas, o Goberno do Sr. Negreira sinalou que "el expediente se envió al Tribunal de Cuentas, y en función de lo que ocurra, se valorarán otras opciones".
Nesta liña, Carril expuxo que, unha vez que o Goberno municipal xa ten coñecemento de que o Tribunal de Cuentas arquivou por presentar mal a súa denuncia, o normal sería que revisase de oficio estes actos e acordos pero non o fai. Aludiu a toda a batería de iniciativas presentadas polo BNG ao respecto e insistiu en que é momento de que o Concello proceda de inmediato á revisión de oficio dos actos e acordos sobre o sector S7 de Someso.
Por que teñen que revisar de oficio os actos e acordos sobre o sector S7 en Someso?
A continuación, o portavoz nacionalista advertiu da necesidade de revisar de oficio os actos e acordos administrativos sobre o sobre o sector S7 de Someso dado que o informe municipal de 15 de xuño de 2012 pon de manifesto que existe todo un conxunto de infraccións do ordenamento xurídico que determinan a nulidade de pleno dereito de actos e acordos municipais relativos ao sector S7 de Someso. Estas infraccións e ilegalidades, sinalou, evidencian de xeito palmario unha omisión total e absoluta do procedemento legalmente estabelecido (respecto da enaxenación de bens e dereitos municipais) e atribución á Xunta de Compensación e propietarios particulares de aproveitamento urbanístico sen contar cos requirimentos legais para a súa adquisición.
Tamén apuntou Carril que quedando acreditadas no informe municipal de 15 de xuño de 2012 como irregulares as actuacións administrativas sinaladas, o Concello da Coruña non pode aquietarse pasivamente diante da constancia de acordos e actos municipais nulos de pleno dereito. Moito menos, salientou, cando tales infraccións do ordenamento xurídico están delimitados e precisados nun informe municipal, como é o caso.
O portavoz do Grupo Municipal do BNG expuxo que a revisión de oficio dos actos nulos de pleno dereito non é unha potestade discrecional da Administración senón un mandato legalmente imperativo para que proceda a incoar os correspondentes expedientes de revisión de oficio, tal e como recolle o art. 102 da Lei 30/1992, de Réxime xurídico das Administracións Públicas. Así, subliñou que o Concello da Coruña está obrigado legalmente a revisar aqueles actos administrativos que son nulos de pleno dereito e a proceder contra aqueles promotores que achegaron como propios bens que son do Concello.
Ao finalizar a sesión plenaria, e dado que, unha vez máis queda de manifesto que o Sr. Negreira e o PSOE protexen a Paco Vázquez, Carril ironizou con que "hoxe só faltou a foto de Paco Vázquez, o Sr. Fontenla e o Sr. Negreira xuntos".
Carril: "O actual Goberno municipal tramitou e resolveu a contratación das obras do aparcadoiro traseiro da Casa dos Peixes"
Ademais, Carril preguntoulle ao Goberno municipal que ten pensado facer en relación ao aparcadoiro da zona traseira da Casa dos Peixes, pregunta que foi respondida con mentiras por parte do Sr. Flores. O propio portavoz do BNG consultou o expediente relativo ao aparcadoiro, que evidencia que foi o actual Goberno municipal quen tramitou e resolveu a contratación destas obras. "Ou ben manipularon o expediente ou vanno manipular despois desta intervención", espetoulle Carril ao portavoz do Goberno municipal.
O nacionalista denunciou que o Goberno municipal, a través dun contrato menor de subministración, deulle luz verde á realización de actuacións na parte traseira do aquarium, cun aparcadoiro que ten un enorme impacto sobre a visión limpa que debe ter a Torre de Hércules. Consultado o expediente, Carril sinalou que non debera tratarse dun contrato de subministración, xa que, segundo a lei, ten por obxecto a compra ou a adquisición de produtos ou bens mobles. Advertiu de que o procedente sería a súa tramitación a través dun contrato menor de obras, en cuxo expediente debería figurar un proxecto de obra, unha memoria e todos os informes preceptivos, incluído, especialmente, o da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galiza, por estaren situadas as obras de acondicionamento do espazo na zona de maior protección da Torre. Porén, denunciou que no expediente non figura nin o proxecto da obra, nin a memoria nin os informes previos, preceptivos e legamente vinculantes de Patrimonio.
Carril advertiu de que parece que o Goberno municipal non quixo tramitar tales actuacións como contrato menor de obra porque isto requiriría un proxecto de obra e un informe de Patrimonio, que podería ser negativo por estar situado na zona de maior protección da Torre.
O portavoz do BNG no Concello da Coruña anunciou no Pleno que o Grupo Municipal do BNG lle transmitiu a Dirección Xeral de Patrimonio un escrito en que pide que se investiguen as actuacións realizadas polo Goberno municipal no acondicionamento da parte traseira da Casa dos Peixes e pide que se adopten as medidas legais que corresponden para eliminar o innegábel impacto negativo das obras sobre a Torre.
As persoas cun 1,5 m³ de caudal de auga, un 87% das subscritoras, pagan na nova factura case un 30% máis pola cota de dispoñibilidade
O encarecemento do prezo da auga centrou outra das preguntas orais das nacionalistas. Seguen vostedes negando que subiu a auga?, preguntou a concelleira María Xosé Bravo, quen afirmou que a cidadanía xa puido comprobar na primeira factura deste ano, que chegou a finais de marzo ou a comezos de abril, como subiu a subministración de auga neste ano. Lembrou que o BNG xa denunciara neste Pleno a suba, que percorreu os barrios para informar a xente e que presentou máis de 1.800 alegacións contra o encarecemento. Lembrou tamén que o PP acusaba o BNG de mentir porque non subiría a auga e que a suba que se producise no total da factura viría dado pola posta en marcha pola EDAR de Bens, o mesmo que respondeu hoxe o Goberno municipal.
Agora que xa lles chegou a factura, supoño que a vostedes tamén, seguen mantendo que non subiu o prezo por subministración de auga?, preguntou Bravo, desde o BNG, mantemos que si, e amosou facturas achegadas por persoas usuarias. Estamos a falar, apuntou, de que agora todas as persoas que teñen un 1,5 m³ de caudal, é dicir un 87% das subscritoras, pagamos xa nesta factura case un 30% máis pola cota de dispoñibilidade; agora mesmo, estamos a pagar coma se tivesen contratado 2,5 m3/h cando, dadas as limitacións técnicas, é imposíbel prestar un servizo de 2,5 m³ cun equipamento de 1,5 m³.
A concelleira do BNG advertiu de que a Lei de Taxas di que só se pode cobrar por un servizo o que custa ofrecelo e lembrou que, malia isto, a comezos de 2013, coñeciamos pola prensa que Emalcsa rexistraba nas súas contas de 2012 cuantiosos beneficios. Desde logo, estamos certas de que en 2013 serán maiores mais a costa do peto das coruñesas e dos coruñeses, concluíu.