O Goberno municipal aproba a licenza para a antena dos Rosales, malia as alegacións do BNG
A Coruña, 3 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG advirte de que o Goberno do Sr. Negreira segue a ocultar as razóns que o levaron a desestimar as alegacións (achéganse xunto á nota) presentadas polo portavoz nacionalista, Xosé Manuel Carril, á licenza de actividade de antena de telefonía móbil no centro comercial dos Rosales. Precisamente, esta mañá a Xunta de Goberno Local fallou, unha vez máis, a favor de Vodafone, e non da veciñanza dos Rosales, e aprobaba concederlle á operadora de telefonía a licenza para esta antena. E isto, malia o case cento de persoas e colectivos, entre elas, ANPAS ou comunidades de veciños e veciñas, que alegaron contra a licenza.
Malia as alegacións presentadas a 12.09.2012 (achégase xunto á nota) e malia o informe dirixido ao alcalde en relación á resposta ás alegacións a 31.10.2012 (achégase xunto á nota), é curioso que siga sen haber informe ningún emitido ex profeso sobre as alegacións do BNG. Ás nacionalistas chámalles a atención que o Goberno municipal siga sen explicar os motivos que o levaron a tombar ás alegacións do BNG, nas que se advertía de que o proxecto incumpre o artigo 21.4.3 da ordenanza municipal reguladora da autorización das infraestruturas de comunicación e que non se axusta ao plan de implantación de Vodafone aprobado no seu momento polo Concello da Coruña. A resposta ás alegacións, lembran as nacionalistas, foi sorprendente, xa que se citaba literalmente que o BNG se opuña á instalación da antena "en base a la nocividad y peligrosidad de dicha instalación", cando en ningunha parte das alegacións figura tal motivo de oposición.
O Goberno municipal concede até 11 licenzas para antenas á vez que leva a Pleno non recorrer sentenzas
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG denuncia que o Goberno do Sr. Negreira siga a tramitar cunha celeridade inusitada os intereses das operadoras de telefonía móbil. Na Xunta de Goberno Local desta mañá, o Sr. Negreira aprobou conceder até 11 licenzas para a actividade de estación de base de telefonía móbil. E isto, á vez que o Goberno municipal está a levar a Pleno o arquivo de actuacións xudiciais en distintos recursos promovidos contra a ordenanza fiscal reguladora da taxa por utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público por empresas explotadoras de servizos de telefonía móbil.
As nacionalistas sinalan que non podemos quedarnos só co arquivo destas actuacións xudiciais e piden ir máis alá, apelando á necesidade de cobrarlles as taxas aos titulares das redes e de cuantificar a taxa. Así, poñen de manifesto que nin o Tribunal de Xustiza da Unión Europea nin o Tribunal Supremo impiden que se cobren taxas polos servizos de telefonía móbil ás operadoras que sexan titulares das redes. Por iso, volven reclamar a modificación da ordenanza municipal, deixando clara que a taxa debe impoñerse, unicamente, aos titulares das redes e estabelecendo criterios de cuantificación da taxa sen relación aos ingresos ou cota de mercado. Ademais, avogan por suspender a tramitación e o outorgamento de novas licenzas até a modificación da ordenanza municipal (en base á sentenza do Tribunal Supremo de 24 de abril de 2012), pola que se anulan varios artigos da ordenanza municipal da Coruña).