SOBRE A TARIFA ELÉCTRICA, DEREITO Á FORMACIÓN DO ALUMNADO CON DISCAPACIDADE E REFORZO DO 010

O Pleno de xullo dá luz verde ás tres mocións do BNG

escanos
O Pleno do Concello aprobou este xoves as tres mocións formuladas polo BNG, iniciativas que defenden o abaratamento da tarifa eléctrica, a garantía do dereito do alumnado con discapacidade a continuar a súa formación nos Centros de Educación Especial e o reforzo do servizo do 010.
O Pleno de xullo dá luz verde ás tres mocións do BNG

A primeira das tres mocións, a da tarifa eléctrica, foi aprobada cos votos da Marea e a concelleira non adscrita, en tanto que PP e PSOE optaron pola abstención.

Canto á iniciativa das necesidades de formación do alumnado con discapacidade, obtivo o respaldo do Pleno cos votos favorábeis do PSOE, a Marea e a concelleira non adscrita, cunha nova abstención do PP.

A derradeira das iniciativas, a do reforzo do 010, foi aprobada por unanimidade.

A primeira das mocións

“Vivimos nun país que é un grande produtor eléctrico, pero hai persoas que viven a carón dunha liña de alta tensión e pasan frío por non poder pagar a factura", dixo Francisco Jorquera no limiar da súa intervención para defender a moción do BNG sobre a necesidade de introducir mudanzas normativas sobre a tarifa eléctrica.

O prezo da electricidade, remarcou Jorquera, é xa un grave problema social na Galiza, cun 10% dos lares galegos en situación de pobreza enerxética, mais se está a tornar tamén nun grave problema económico, capaz de frear as expectativas de recuperación económica após a pandemia.

Francisco Jorquera no Pleno Abril.

Ante esta situación, a primeira das solucións polas que apostou o Goberno estatal podemos cualificala como “avanzada”, ironizou Jorquera, ao se referir ao consello dado desde o Executivo de que nas casas se poñan as lavadoras de madrugada ou se dediquen as fins de semanas a pasar o ferro.

A segunda das solucións ofrecidas polo do Goberno estatal foi reducir o IVE ao 10% ás persoas consumidoras cunha potencia contratada inferior a 10 quilovatios. Mais é unha medida que só rexerá até 31 de decembro. "Fan falta mudanzas normativas máis ambiciosas", dixo Jorquera.

Que mudanzas máis ambiciosas? Pois reducir os impostos que gravan o consumo, modificar a Lei de Sector Eléctrico para acabar cos “beneficios caídos do ceo” e beneficiar territorios produtores como Galiza abaratando os prezos, isto é, introducindo o que temos chamado a “tarifa galega”, esclareceu o voceiro nacionalista.

O BNG aceptou transaccionar coa Marea a parte resolutiva da súa iniciativa e, en troca, rexeitou un texto alternativo do PP por desnaturalizar o contido da moción nacionalista.

Moción sobre o alumnado con discapacidade

“As mozas e mozos con discapacidade están discriminados a respecto da mocidade galega por un decreto da Xunta que non lles permite continuar a súa formación nos centros de educación especial alén dos 21 anos. O resto das mozas e dos mozos si poden completar os seus estudos. As e os que teñen discapacidade, non”, relatou Avia Veira.

As familias das mozas e mozos con discapacidade téñense mobilizado para acabar con esta discriminación, remarca Avia Veira. Se non poden continuar a súa formación nos centros de educación especial non teñen onde facelo, dixo a concelleira nacionalista.

 

avia pleno“Isto é unha competencia da Xunta e atinxe un número importante de coruñesas e coruñeses. Na Coruña hai 3 centros de educación especial”, subliña Avia Veira. “A Xunta négase e alega a existencia de decretos estatais. Mais o goberno de Castela e León si foi quen de resolver este problema, o que demostra que nos atopamos perante unha cuestión de vontade política, de se se quere resolver este asunto ou non”, concluíu.

Moción de reforzo do servizo 010.

Jorquera lembroulle ao Pleno cales son os obxectivos fundacionais do 010. A transparencia, a eficiencia na resolución das demandas cidadás e a mellora da calidade de vida das veciñas e os veciños.

Son “obxectivos grandilocuentes” cando se poñen en contraste con como funciona o servizo na realidade. “E todos sabemos que moitas veciñas e veciños empregan ás veces horas e horas para daren falado co 010”, criticou Jorquera.

“Pensemos no prexuízo que isto supón para persoas que teñen que facer xestións que só se poden facer a través do 010, como a recollida de voluminosos”, engadiu.

A principal canle de comunicación da cidadanía en materia de queixas é o 010 e esta tendencia estase a reforzar nas actuais condicións da pandemia, coa migración á atención telefónica ou telemática, analizou o voceiro nacionalista.

É por isto que agora máis que nunca é preciso reforzar este servizo para efectivamente cumprir os seus obxectivos de transparencia, eficiencia e mellora da calidade de vida da veciñanza, concluíu.

 

 

 

 

O Pleno de xullo dá luz verde ás tres mocións do BNG