#PLENOXULLO

O BNG vota a favor da aprobación inicial do Presco 2021 e da ampliación dos convenios

escanos
O grupo municipal do BNG votou esta mañá a prol a aprobación inicial do Presco 2021 e da ampliación dos convenios nominativos con entidades da cidade.
O BNG vota a favor da aprobación inicial do Presco 2021 e da ampliación dos convenios

“Máis vale tarde que nunca” e “é mellor un Presco insuficiente que un Presco inexistente", afirmou na súa intervención Francisco Jorquera. O voceiro nacionalista reiterou a súa crítica á “lentitude e falta de dilixencia” á hora de tramitar estes asuntos por parte do Goberno Local –cumpre salientar que estamos case a mediados de xullo e o Presco 2021 debería ter entrado en vigor en xaneiro.

“Seguimos considerando que a dotación do Presco 2021 debería ser máis ambiciosa”, sinalou Jorquera, quen nese sentido lamentou que o Goberno Local non tivese en conta a proposta do BNG de recorrer á subscrición dun crédito para dotar o plan de máis recursos económicos.

Porén, o voceiro do BNG congratulouse de quer o Presco 2021 quer a ampliación dos convenios incorporar propostas formuladas desde o grupo municipal nacionalista.

Canto ao Presco 2021, a proposta do BNG incorporouse a este plan o desenvolvemento da bolsa de baixos comerciais en aluguer e a non denegación das axudas por razón de as persoas solicitantes teren débedas coa Facenda local sempre e cando demandasen o seu adiamento ou fraccionamento.

Jorquera remarcou que hai aínda propostas que non se incorporaron ao Presco, “pero que aínda son susceptíbeis de se poderen desenvolver se houber vontade política, como algunhas das que formulamos destinadas á cultura, seriamente castigada por esta crise”.

 

O BNG vota a favor da aprobación inicial do Presco 2021 e da ampliación dos convenios