POR INICIATIVA DE FRANCISCO JORQUERA
A Pleno as numerosas queixas veciñais sobre a falta de limpeza na cidade
Lembra Jorquera que Inés Rey concorreu ás eleccións de 2019 coa promesa de impulsar un plan de choque de limpeza da cidade. “Porén, tres anos despois daquelas declaracións, a sucidade existente en moitas prazas, rúas e zonas verdes da Coruña, continúa a causar numerosas queixas”, afirma o portavoz nacionalista.
Tan é así que “moitos dos rogos que rexistramos neste Pleno refírense a queixas que nos trasladou a veciñanza pola falta de limpeza”, remarca Jorquera.
O certo é que ao longo destes tres anos entraron en vigor os novos contratos do servizo de limpeza viaria, contedores e recollida de lixo, após anos caducados. Mais o problema continúa lonxe de se resolver. “Cabería preguntarse se se desaproveitou a ocasión para introducir melloras substanciais na limpeza e recollida de lixo e mesmo para mudar o modelo de xestión, abordando todo o relativo ao ciclo do lixo de xeito integral, no canto de o fraccionar en distintos contratos”, reflexiona o voceiro do BNG.
Na interpelación ao Goberno Local, Jorquera abordará, entre outras cuestións, a supervisión por parte do Concello do cumprimento por parte das empresas concesionarias das cláusulas técnicas que rexen a prestación dos servizos. E farao porque como grupo municipal temos constancia “de numerosos e sistemáticos incumprimentos”.
O voceiro nacionalista inquirirá tamén o Goberno Local sobre se pensa acometer “mudanzas necesarias” nas ordenanzas que rexen as políticas de limpeza e sobre se ten en mente levar a cabo campañas de información e sensibilización cidadá.