POR INICIATIVA DE MERCEDES QUEIXAS

Recollemos múltiples queixas de doentes e levamos o colapso do CHUAC ao Parlamento galego

SOS Sanidade Pública
Jorquera, nunha mobilización en defensa da sanidade pública
A recoller múltiples queixas de persoas doentes, a parlamentar do BNG Mercedes Queixas leva o colapso das urxencias do CHUAC ao Parlamento galego en forma de pregunta por escrito e de interpelación á Xunta da Galiza.
Recollemos múltiples queixas de doentes e levamos o colapso do CHUAC ao Parlamento galego

“Que está a facer o goberno galego para resolver o colapso sanitario persistente que estes días se incrementou no servizo de urxencias do CHUAC?”, inquire a parlamentar nacionalista nas súas iniciativas.

“Familiares de pacientes fixéronnos chegar a súa desesperación após até 11 padiolas levaren dous e tres días nos corredores de urxencias do CHUAC en agarda dunha cama que non dá chegado”, afirma Queixas.

Nin camas nin ás veces ambulancias, con doentes aos que se lles ofrece un servizo de taxi para, unha vez atendidos, voltaren ás súas casas. “Nalgúns casos”, refire a parlamentar nacionalista, após unha espera “inhumana e indecorosa” nos corredores do Hospital Universitario da Coruña as persoas doentes “acaban por seren derivadas a outros centros hospitalarios”.

Para o BNG, o colapso explícase pola incompetencia na xestión dun servizo fundamental como a sanidade pública quer por parte da Xerencia da Área Sanitaria quer pola Consellaría de Sanidade.

“Desde o grupo parlamentario do BNG non podemos máis que cualificar a situación como o retrato da incompetencia e do desleixo no cumprimento das súas obrigas por parte de xerencia e consellaría”, remarca Queixas, quen lembra que ao longo de 2022 “foron varios os momentos en que o persoal de urxencias do CHUAC fixo pública a precariedade laboral que sofre este hospital a través de concentracións e manifestacións apoiadas polo conxunto da cidadanía da comarca da Coruña”.

 

 

 

Recollemos múltiples queixas de doentes e levamos o colapso do CHUAC ao Parlamento galego