INSTAMOS O GOBERNO LOCAL A QUE LICITE CANTO ANTES O NOVO CONTRATO DE NOSTIÁN

O Pleno de novembro aproba as tres mocións do BNG

Avia Veira e Francisco Jorquera
O Pleno de novembro aprobou por unanimidade unha moción do BNG por medio da cal se insta o Goberno Local a que licite canto antes o novo contrato de Nostián, sendo que o anterior, adxudicado a Albada, concluíu en decembro de 2019.
O Pleno de novembro aproba as tres mocións do BNG

A iniciativa -defendida polo noso voceiro, Francisco Jorquera- emprazaba tamén o Executivo coruñés a que, mentres non se adxudicar o novo contrato, o Concello garanta o correcto funcionamento dunha planta que se está a deteriorar a ollos vistos.

Os pregos da nova concesión, remarcou na súa intervención Jorquera, teñen de garantir o respecto dos dereitos laborais do cadro de persoal da planta de Nostián –sen convenio desde finais de 2017-, ben como tamén deben asegurar que as instalacións dispoñan da tecnoloxía apropiada para facer realidade as tres R: reducir, reciclar e reutilizar.

“A planta de Nostián”, resaltou Jorquera, “está moi lonxe de cumprir cos obxectivos que a dotan de razón de ser”. E para ilustrar esa afirmación deu un dato abondo elocuente: “En 2021 máis do 60& das toneladas de lixo tratadas na planta foron parar ao vertedoiro e, polo que se refire á materia orgánica, apenas 31% transformouse en compost”.

O vertedoiro, alén do máis, está en condicións tan precarias que o seu selado, desouvindo sentenzas xudiciais, continúa pendente.

“Cando van vostedes, señores do Goberno Local, a esixir que se proceda ao selado?”, inquiriu Jorquera. E a seguir remachou: “Porque houbo inspeccións da Xunta e o non selado do vertedoiro foi obxecto de sanción. E desde logo o vertedoiro ten que estar selado antes da licitación”.

Mocións sobre o 25N e a Atención Primaria

De resto, o Pleno deu tamén luz verde ás mocións do BNG contra a violencia machista e a prol do reforzo da atención primaria. Aquela, por unanimidade, esta, cos votos en contra do grupo municipal do PP.

A iniciativa que pivotaba arredor do 25N demandaba basicamente dúas cousas: que a Corporación mostrase o seu apoio ás mobilizacións do feminismo galego durante o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres e que a Xunta aumentase o financiamento do Centro de Información ás Mulleres.

Canto á referida á atención primaria, procuraba o reforzo dunha área da sanidade pública sen o cal é imposíbel evitar o colapso das urxencias hospitalarias. Procuraba tamén o apoio da Corporación á Iniciativa Lexislativa Popular que está a desenvolver SOS Sanidade Pública.

O reforzo da atención primaria só é posíbel destinando máis recursos. “Se non sabe o señor Rueda de onde tirar o diñeiro, dámoslle unha pista: que destine á atención primaria os 34 millóns que pensa regalarlles aos ricos coas bonificacións ao imposto do patrimonio”, dixo a concelleira Avia Veira.

 

O Pleno de novembro aproba as tres mocións do BNG