"INCUMPREN O COMPROMISO CO BNG E, O QUE É MÁIS GRAVE, INCÚMPRENO COA CIDADE"

Un Pleno para aprobar a Conta Xeral de 2020, non os orzamentos do Concello para 2022

Jorquera escano
O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, censurou, durante o Pleno extraordinario realizado hoxe, que a Corporación se reunise "a 30 de decembro" para aprobar a Conta Xeral do Concello de 2020 e non os orzamentos de 2022.
Un Pleno para aprobar a Conta Xeral de 2020, non os orzamentos do Concello para 2022

"Estamos a 30 de decembro de 2021 e en vez de celebrar un Pleno para aprobar os orzamentos de 2022, estamos a realizar un Pleno para aprobar a Conta Xeral de 2020", dixo Jorquera. E a seguir remarcou: "2020!". Precisamente o ano, subliñou, "en que entraron en vigor os orzamentos que continúan vixentes".

O Pleno extraordinario foi convocado para dar luz verde á Conta Xeral do Concello de 2020 e á aprobación definitiva das ordenanzas fiscais de 2022, após a apresentación de diferentes alegacións. O BNG abstívose nos dous puntos, con excepción feita do apoio que si lle outorgou á ordenanza fiscal número 6, a referida á taxa do lixo.

Na súa intervención, Jorquera salientou que no Acordo de Investidura de Inés Rey o grupo que dá sustento ao Goberno Local "asinou o compromiso co BNG de iniciar a negociación dos orzamentos o mes de setembro". 

Pois ben, "o PSOE e a Marea optaron por negociar exclusivamente os orzamentos entre eles, excluíndo os restantes grupos", resaltou o voceiro nacionalista.

Screen Shot 2021-12-30 at 10.20.52

O incumprimento non é só co BNG, éo fundamentalmente coa cidade. "A 1 de xaneiro entrarán en vigor os orzamentos xerais do Estado de 2022. Tamén entrarán en vigor os orzamentos da Xunta. E mentres tanto A Coruña continuará a funcionar cos orzamentos prorrogados de 2020". A consecuencia disto, "as entidades ficarán sen convenios, porque os convenios, como é sabido, non se prorrogan. E a cidade", enfatizou, "non pode ser refén dese xeito de facer as cousas".

Xeito de facer as cousas -incapacidade para presentar un proxecto de orzamentos en tempo e forma- que levou o Executivo coruñés a ter que convocar unha Xunta de Goberno extraordinaria esta mesma mañá, minutos antes de dar comezo ao Pleno, para que a 1 de xaneiro de 2022, isto é, o próximo sábado, continúen vixentes os orzamentos prorrogados de 2020, denunciou Jorquera.

Xa no que ten a ver co debate da Conta Xeral, o voceiro nacionalista sinalou que nela ve "luces e sombras", pois sendo certo que se rexistra un "equilibrio patrimonial" non é menos verdade que existen elementos que "falsean a imaxe da situación patrimonial do Concello ao non se teren en conta operacións sen incidencia orzamental como doazóns, cesións ou permutas".

"A 1 de xaneiro entrarán en vigor os orzamentos xerais do Estado de 2022. Tamén entrarán en vigor os orzamentos da Xunta. E mentres tanto A Coruña continuará a funcionar cos orzamentos prorrogados de 2020"

O BNG é crítico co grao de execución orzamentaria, engadiu Jorquera. "Ficaron 79 millóns de euros sen gastar. A diferenza entre o que se orza e o que se executa é indicativa da boa ou da má xestión", resaltou.

Canto ás alegacións ás ordenanzas fiscais, só unha delas foi ditaminada favorabelmente. "O BNG sería partidario de aceptar outras", precisou Jorquera. Por exemplo, a que pretendía que fose condición para se beneficiar da bonificación do Imposto de Actividades Económicas (IAE) o mantemento de emprego por parte das empresas. Defendeu tamén o BNG que se incorporase a alegación que pretendía a redución do 50% no módulo básico, que deixaría a cota nun máximo de 16,63 euros por metro cadrado cando en cidades cunha poboación semellante á da Coruña, como Xixón, fica establecida en 39,60 euros.

Porén, esclareceu Jorquera que o BNG ve positivas a maioría das mudanzas introducidas nas ordenanzas. "É por iso que non nos imos opor á súa aprobación definitiva", concluíu.

 

 

Un Pleno para aprobar a Conta Xeral de 2020, non os orzamentos do Concello para 2022