Lamentamos que os cargos políticos e técnicos do goberno local responsábel do caso Someso vaian ficar impunes
A Xunta de Goberno Local decidiu este mércores dar carpetazo definitivo a este asunto, ao resolver que non procede revisar de oficio os acordos adoptados no seu día polo Executivo coruñés en relación a un escándalo urbanístico que tivo como orixe a expropiación duns terreos para a construción dun campo de fútbol que nunca se fixo.
O Goberno Local acepta que os acordos de 2005 e 2006 son contrarios a dereito, mais considera –e niso estaría de acordo o Consello Consultivo- que revisalos traería prexuízos económicos para a Facenda local.
A revisión de oficio das decisións políticas que deron lugar á ordenación urbanística de Someso foi solicitada en 2013 polo naquela altura portavoz nacionalista no Concello, Xosé Manuel Carril.
“O BNG lamenta que non se tivesen revisado de oficio os acordos adoptados polo Goberno de Francisco Vázquez en 2005 e 2006 e lamenta tamén que fiquen impunes os cargos políticos e técnicos daquel Goberno Municipal responsábeis das manifestas irregularidades e ilegalidades que teñen provocado un importante dano patrimonial ao Concello”, indica o noso voceiro en María Pita, Francisco Jorquera, quen esta mañá participou na reunión da Xunta de Goberno Local.
Para Jorquera, “o caso Someso é un exemplo paradigmático dun modelo de urbanismo ao servizo de intereses particulares a custa de sacrificar o interese xeral e causar un grave quebranto económico ao Concello”. Un modelo de urbanismo que o BNG quixera ver “desterrado” para sempre da nosa cidade.
Chove sobre mollado, pois ao fechamento en falso do caso Someso hai que engadir que tamén ficaron por se depuraren as responsabilidades do asunto relativo ao edificio Conde de Fenosa.