Orzamentos Xunta 2016: insuficientes para a Coruña e a comarca
A Coruña, 21 de outubro de 2015. Logo de comprobar os orzamentos para o 2016 presentados pola Xunta de Galiza, o Grupo Municipal do BNG denuncia que son insuficientes para atender as demandas reais da veciñanza da cidade e da Coruña e da súa comarca.
O BNG manifesta que os orzamentos presentados pola Xunta de Galiza son insuficientes para as necesidades reais da cidade e da comarca
Así, as nacionalistas advirten que na proposta inicial non se recollen as partidas necesarias para o financiamento das instalacións sanitarias previstas no mercado de Santa Lucía. Para o BNG, isto é un incumprimento fragrante do protocolo de colaboración asinado o 15 de outubro de 2014 entre o Concello da Coruña, a Consellaría de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde co obxecto de establecer un programa funcional para determinar os novos usos sanitarios para este mercado e que tiñan como obxecto atender as necesidades de atención sanitaria de 7.000 veciños e veciñas da zona e a renovación e modernización do mercado e o aproveitamento dos espazos infrautilizados que hoxe en día existen.
Así mesmo, o Grupo Municipal do BNG sinala que se esta a incumprir a moción presentada por eles mesmos e debatida e aprobada no Pleno do pasado 14 de setembro por todos os grupos municipais, incluído o Partido Popular, na que se demandaba á Xunta de Galiza que incluíra unha partida específica no seu orzamento de 2016 para levar a cabo as obras necesarias do proxecto.
O Grupo Municipal do Bloque denuncia que o mercado de Santa Lucía queda fora dos investimentos previstos para 2016
Por outra banda, segundo o Bloque, a Ría do Burgo segue sen ter un investimentos axeitados para convertela no motor económico que pode chegar a ser para a comarca e a cidade. Precisamente no día de onte, o BNG, a través do deputado Daniel Rodas, na Comisión de Medio Ambiente do Parlamento de Galiza, falaba da falta de investimentos e prazos para un proxecto de rexeneración integral da Ría do Burgo. Con estes orzamentos, sumados aos do Estados, aos cales o BNG presentou no seu momento alegacións, vólvese demostrar que a Ría do Burgo non é unha prioridade para o Partido Popular. Non incluír ningunha partida destinada á súa rexeneración significa abandonar as e aos mariscadores á súa sorte desatendendo un dos sectores produtivos fundamentais para a comarca, sinala Avia Veira.
Do mesmo xeito que no caso do mercado de Santa Lucía, volve ignorarse unha moción aprobada no Pleno do pasado 14 de setembro por todos os grupos municipais, incluído o Partido Popular, na cal se esixía que se incluísen nos orzamentos de 2016 unha partida orzamentaria suficiente e expresa para executar nese exercicio a retirada dos lodos. Evidénciase deste xeito a hipocrisía do Partido Popular que no Concello apoia dúas mocións que logo non leva a efecto na Xunta de Galiza. Mais tamén preguntámonos que xestións estivo realizando o Goberno municipal respecto a estes acordos plenarios, para que logo a Xunta non os teña en conta. Demandamos, así mesmo, que o Goberno do Sr. Ferreiro reclame que se incorporen as partidas orzamentarias necesarias e solicitadas polo Pleno, di a concelleira nacionalista.
A Ría do Burgo, aínda recibindo unha partida de case 1,6 millóns de euros, segue sen contar con partidas específicas para a limpeza, sinalan as nacionalistas
Outra das propostas dos proxectos que aparecen nos orzamentos para 2016 son os poucos máis de 600.000 euros nun CEIP (Centro de Educación Infantil e Primaria) para a contorna do barrio de Novo Mesoiro. As nacionalistas lembran que a proposta da veciñanza é a construción dun CPI (Centro Público Integrado), isto é, un centro que integre ensinanzas de infantil, primaria e secundaria para que as crianzas do barrio poidan recibir o ciclo educativo obrigatorio no propio barrio, polo que, en consecuencia, non se está atendendo á demanda real da veciñanza. Amais, o Bloque considera que a proposta de investimento que presenta a Xunta como insuficiente por non verse acompañada para anos posteriores de máis investimentos que completasen os custos totais que supón a construción dun centro educativo, polo que entenden que é un desprezo ás case 4.000 sinaturas presentadas pola veciñanza reclamando a súa construción.
Respecto aos investimentos que se consignan para a estación intermodal, pouco máis de 425.000 euros, as nacionalistas destacan que son indicativos da falta dun compromiso serio cara á mobilidade na comarca. O Bloque lembra que o proxecto de estación intermodal de San Cristovo ten que se complementar simultaneamente cunha infraestrutura en San Diego, que aproveite as súas vías para o transporte ferroviario de proximidade: a comunicación entre ambas infraestruturas completaría o escenario de mobilidade para a cidade e a súa contorna metropolitana, polo que calquera investimento tería que estar enmarcado nun proxecto no que participasen todas as Administracións públicas.