PRIMEIRA AVALIACIÓN DE URXENCIA DOS ORZAMENTOS GALEGOS 2022 EN RELACIÓN Á NOSA CIDADE

"A Coruña non está no mapa de prioridades da Xunta"

20211021_124820
20211021_124820
Nunha primeira avaliación de urxencia do contido dos orzamentos da Xunta para 2022 en relación á cidade da Coruña, e a expensas dunha análise máis polo miúdo, a deputada do BNG Mercedes Queixas considera que “A Coruña non está no mapa de prioridades” do Goberno Galego.
"A Coruña non está no mapa de prioridades da Xunta"

Queixas cualifica o proxecto das contas como “insuficientes”, “continuistas” e “incapaces” de lle dar á cidade e á comarca o impulso que necesitan con vistas a saír con garantías da crise socio-económica e sanitaria provocada pola pandemia.

Son contas, ademais, que incorporan unha partida para destinar diñeiro público á compra de terreos públicos, os peiraos de Batería e Calvo Sotelo.

“Non hai novos proxectos”, remarca Queixas. “A falta de ambición é absoluta. A Xunta continúa a ignorar as necesidades da Coruña e os seus principais problemas, desde as carencias dos servizos públicos até o acelerado proceso de desindustrialización”, acrecenta.

Nunha primeira aproximación ao proxecto de orzamentos, o BNG destaca os seguintes aspectos.

1.-A principal partida destinada á Coruña, os 9 millóns para a ampliación do CHUAC, é inferior á rexistrada no orzamento actualmente en vigor (19,3 millóns de euros) e no mellor dos casos só servirá para completar o plan director do actual hospital. É tamén inferior á que se atribúe á ampliacion do hospital de Ourense (21,8 millóns de euros) e ao de Montecelo en Pontevedra (35 millóns).

2.-A escasa partida destinada á urbanización e edificación de 40 vivendas en Xuxán -8,4 millóns de euros- revela o escaso compromiso da Xunta nunha materia de política social especialmente sensíbel. Tamén é moi cativo o crédito de 1,7 millóns co que se dota o Plan Rexurbe. Non se avanza así na garantía do dereito ao acceso a unha vivenda digna a prezos razoábeis na nosa cidade.

3.-Falta de investimentos suficientes nos servizos públicos, quer nos centros de ensino quer nos centros de saúde. Preocúpanos especialmente a caída da partida destinada á atención primaria, nunha situación de colapso en boa parte inducida polas políticas de recortes practicadas polo PP durante os 12 anos de goberno Feixoo.

4.-Inquieta a ausencia dunha partida específica para a Cidade das TIC. Cómpre que o Goberno galego esclareza que efectivamente unha parte substancial da partida xenérica de 5,4 millóns de euros para centros de fabricación avanzada acabará sendo investida na Coruña. O investimento da Cidade das TIC é estratéxico nunha cidade que está a sofrer unha perda constante do seu tecido industrial.

5.-Os 4 millóns de euros orzamentados para a Estación Intermodal para o próximo exercicio están baixo sospeita, sendo que no presuposto actualmente vixente se consignaba unha anualidade superior (de 10,4 millóns de euros) para 2022. Está claro que se trata dun axuste contábel e que dificilmente se vai executar este exercicio.

6.-Canto á fachada marítima da cidade, voltamos a pronunciarnos radicalmente en contra de que se destine diñeiro público (neste caso, 1,7 millóns de euros) para adquirir terreos que xa son públicos, os peiraos de Batería e Calvo Sotelo. Son terreos gañados ao mar que, unha vez liberados de usos portuarios, deberían ser restituídos de balde ao patrimonio público.

A compra destes terreos insírese nunha lóxica que en absoluto podemos compartir: a de ir amortizando unha débeda, a da Autoridade Portuaria, que o Estado si asumiu no caso do porto de València. Pedimos que ese diñeiro se invista en satisfacer necesidades sociais e volvemos reclamar o que en xustiza nos corresponde, a condonación da débeda.

"A Coruña non está no mapa de prioridades da Xunta"