RESPOSTA A UNHA PREGUNTA DE AVIA VEIRA

O Goberno Local desbota sancionar o Estado pola falta de mantemento da antiga prisión provincial

Cárcere provincial
Cárcere provincial
“O diálogo establécese sobre a base da cooperación”, responde o Goberno Local a unha pregunta por escrito formulada pola concelleira do BNG Avia Veira en que explicitamente cuestionaba o Executivo coruñés se ía iniciar accións sancionadoras contra o Estado pola falta de mantemento da antiga cadea provincial.
O Goberno Local desbota sancionar o Estado pola falta de mantemento da antiga prisión provincial

Na pregunta que dá orixe a esta resposta, Veira denunciaba o estado de abandono en que se acha a antiga prisión provincial, un edificio de enorme interese histórico-artístico que recentemente sufriu un incendio, sinistro polo que foi precisa a mobilización de até catro camións do Servizo de Extinción de Incendios da Coruña.

O BNG interesábase por dúas cuestións. A primeira, por se ten establecido o Goberno Local negociacións co Estado para conseguir a cesión da antiga cadea após a súa necesaria rehabilitación. A segunda, por se ten feito algunha xestión para conseguir que, mentres sexa o titular deste inmóbel, a Administración central se ocupe de o manter en boas condicións, visando evitar “novos incendios ou accidentes que poidan ser prexudiciais para as persoas ou a contorna”.

Sobre o primeiro asunto, o da cesión ao Concello, o Goberno Local non é moi explícito e recorre á fórmula de sinalar que “o Goberno mantén diálogo coas autoridades estatais sobre o cárcere”. As conversas, das que non ofrece ningún dato, “aínda non remataron”, di o Executivo coruñés.

A respecto da segunda cuestión, o Goberno Local responde que “periodicamente” lle esixe á Administración central que manteña adecuadamente o inmóbel e o rehabilite mentres sexa da súa propiedade.

E verbo de se contempla a opción de “emprender accións sancionadoras” contra o Goberno do Estado por “incumprir a súa obriga de manter un inmóbel protexido”, a resposta deixa entrever que non: “O diálogo establécese sobre a base da cooperación”.

 

 

 

 

O Goberno Local desbota sancionar o Estado pola falta de mantemento da antiga prisión provincial