Os orzamentos de 2013: un engano para a cidadanía e un agasallo para os de sempre
A Coruña, 15 de novembro de 2012.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, e a concelleira Ermitas Valencia debullaron esta mañá en rolda de prensa os orzamentos municipais para o 2013, que, tal e como advertiu Carril, "son un engano para a cidadanía e un agasallo para os de sempre".
Na súa intervención, o portavoz nacionalista denunciou que as contas de 2013 agochan a maior presión fiscal existente dicindo que hai conxelación por segundo ano consecutivo". Porén, explicou que "págase máis porque mesmo o interventor do Concello afirma que os impostos e taxas medran, chegando a falar no seu informe dunha suba do 6,27 por cento".
E, pola outra banda, Carril apuntou que o medre da contía é consecuencia "das previsións de ingresos excesiva e pouco realista que fai o Goberno municipal". "As contas son irreais porque están baseadas en estimacións, sen ningunha cautela e sen prudencia", advertiu. Expuxo que as principais dúbidas xorden en relación aos 28,32 millóns que suman o Imposto de Incremento de Valor dos Terreos de Natureza Urbana, o Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras, o Imposto sobre Actividades Económicas e a participación en tributos da comunidade autónoma a través do fondo galego de cooperación local:
Ingresos previstos
- IIVTNU: 4.350.000 (a día de hoxe, no exercicio de 2012, recadáronse 3.720.000 euros)
- ICIO: 5.200.000 (a día de hoxe, no exercicio de 2012, recadáronse 2.440.000 euros)
- IAE: 12.220.000 (a día de hoxe, no exercicio de 2012, recadáronse 11.190.000 euros)
- Participación tributos C.A.: 6.558.976,14 (Facenda aínda non comunicou ningún dato sobre a achega por este concepto no 2013, polo que o Goberno municipal mantén a mesma cifra que no 2012)
O portavoz nacionalista alertou de que "as cifras non son reais, máxime se as comparamos cos ingresos recadados nestes conceptos o ano pasado". "E non o di só o BNG, o propio interventor xeral apela constantemente á cautela". Puxo de manifesto que o interventor afirmou, en relación cos ingresos por tributos, que "non se pode asegurar e garantir a viabilidade dos ingresos previstos por eses impostos que son, sen dúbida, os máis afectados pola actual situación económica". O nacionalista tamén tirou do informe de interventor cando alerta que "resulta complicado concluír sobre a razonabilidade das previsións de ingresos efectuados para estes impostos debido ao alto grao de incerteza económica existente" e cando cualifica de "excesiva" a previsión de ingresos relativa ao ICIO.
A estafa da auga: as achegas de Emalcsa, froito dos seus beneficios empresariais, son consecuencia do que paga a maiores a cidadanía polo recibo da auga
Pola outra banda, Carril sinalou que "a estafa dos orzamentos fica ao descuberto cos ingresos que aporta Emalcsa dos seus beneficios, que vén dado polo que paga a maiores a cidadanía polo servizo da auga, que é máis do que costa o servizo de abastecemento". "Os 4,2 millóns de euros que achega EMALSA para os orzamentos do 2013 derivan das taxas polo abastecemento e depuración de auga por un importe moi superior ao do custo do servizo", advertiu. A operación contábel, engadiu, é moi sinxela: a suba compútase nos orzamentos de Emalcsa e non nos do Concello, de modo que o Concello só a computa como ingreso patrimonial para dicir logo que non aumenta a presión fiscal. "Trátase dun imposto encuberto", apuntou. "E é que non se trata dun imposto formalmente, mais si repercute, e moito, nos petos da cidadanía", subliñou.
"En definitiva, confírmase que Emalcsa é unha fonte extraordinaria de financiamento do Concello, baseándose nun sobrecusto do servizo, que lles fai pagar máis aos e ás consumidoras", resumiu.
Blindadas as achegas públicas a empresas privadas por conta do investimento social
Por último, Carril puxo de manifesto que se confirman as reiteradas denuncias do BNG en relación coa Compañía de Tranvías e o Parrote. "Porque, malia non estar asegurados moi boa parte dos ingresos, o Goberno municipal blinda as achegas públicas a empresas privadas por conta do investimento social e, sobre isto repara o propio interventor no seu Informe", engadiu.
No que ten a ver coa Compañía de Tranvías, sinalou que o propio interventor insiste no que vén denunciando o BNG: que tal e como está o sistema de concesión, canto máis soben as tarifas, maiores son as subvencións e que o Goberno municipal non subvenciona os e as usuarias, senón a Compañía de Tranvías. En relación ao Parrote, expuxo que se ratifica o que vén advertindo o BNG: non hai cartos. O interventor di no informe que o millón de euros para financiar as obras "non se axusta aos importes comprometidos no convenio asinado entre ambas as institucións", en alusión ao Concello e á Autoridade Portuaria.
Ademais, en relación á conxelación do IBI á Autoridade Portuaria, o portavoz do BNG respondeulle ao presidente da Autoridade Portuaria que "ben que soubo facerlle as contas a Copasa" e debullou, a continuación, os cálculos: ao decidir conxelarlle o IBI (mantense no 0,6%) ao Porto, o Concello deixa de ingresar 1,09 millóns. Se o Goberno municipal lle incrementase o IBI até o 1,3% (como á refinería ou ás autoestradas) recadaríase 1,09 millóns a maiores, dado que o valor catastral do porto da Coruña é de 156.615.000.
(*) IBI = tipo impositivo x Valor Catastral
IBI non recadado = (1,3 0,6) x 156.615.000 /100 = 1.093.305
O BNG votou en contra dos orzamentos e do cadro de persoal do Concello na Comisión Informativa de Facenda
Pola súa banda, a concelleira Ermitas Valencia, que asistiu á Comisión Informativa de Facenda, explicou os motivos que levaron o BNG a votar en contra tanto dos orzamentos municipais como do cadro de persoal do Concello. Resumiu que o Sr. Negreira "déixase ir río abaixo malia a situación de crise e desemprego".
Valencia sinalou que os orzamentos "son de trámite e, nalgúns casos, rozan o escándalo". Puxo como exemplo as contas da Concellaría de Emprego e Turismo, caracterizadas por careceren de proxecto. Partidas tan vagas como "outros gastos diversos" experimentan un gran repunte, como é o caso dos "outros gastos diversos en comercio", partida que subiu de 2.500 euros no 2011 a 381.840 euros no 2013, ou dos "outros gastos diversos en desenvolvemento empresarial", que pasa dos 1.500 euros de 2011 a 41.114 euros de 2012. Tamén criticou o aumento de Emprego e Turismo en publicidade, que aumenta de 20.000 a 49.400 euros, e a preocupante caída da partida en reparacións de mercados, que pasa dos 50.000 euros de 2011 aos pouco máis de 30.000 euros de 2012.
Porén, a concelleira nacionalista apuntou que "o máis grave é que as contas están totalmente falseadas, baseando o aumento da previsión de ingresos coas próximas aprobacións do PXOM e do PEPRI". "Durante a comisión, até os propios responsábeis municipais non eran quen de manterse serios e de non rir cando recorrían a esta argumentación", advertiu. E denunciou que, en base a estes ingresos, o Goberno municipal aínda prevé recorrer a un crédito de 11 millóns. "Este é o panorama real: en dous orzamentos, o PP está a levar o Concello a unha situación tráxica", salientou. Concluíu prevendo que estes orzamentos van traer máis paro e máis feches de empresas, mais sinalou que "o BNG non vai ficar parado diante deste desgoberno".
Por último, sobre o cadro de persoal, Valencia denunciou que o Goberno municipal, en aplicación das normas aprobadas por Rajoy, deixará sen cubrir as prazas de empregados e empregadas municipais que se xubilen.