O BNG pregúntalle ao Goberno municipal por que deixou aceso o alumeado público durante a folga
A Coruña, 15 de novembro de 2012.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, rexistrou esta mañá unha batería de preguntas para a resposta escrita nas que se interesa polo alumeado público aceso durante as horas de sol na xornada de folga xeral. O nacionalista denunciou esta mañá en rolda de prensa que os farois estaban onte prendidos, pasadas as 12 horas, en rúas tan amplas como a Avda Alfonso Molina, a Avda do Exército, Ramón y Cajal ou na praza da Palloza. "Tratouse dun artificio do Goberno municipal para facer crer que malia ser día de folga xeral o consumo eléctrico ía ser o mesmo que nun día laborábel", apuntou. Porén, Carril expuxo que "lonxe de conseguir minimizar o impacto da folga, podemos concluír que tanto o paro xeral como a manifestación foron un éxito rotundo".
Na iniciativa, o portavoz do BNG pregúntalle ao Goberno municipal se é consciente de que durante as horas de máis luz, desde a mañá até o mediodía, estiveron prendidos os farois destas vías e como xustifica o dispendio de cartos públicos que supón ter aceso o alumeado durante horas de sol, máxime cando pola noite hai unha gran parte do alumeado apagado. No caso de seren causas técnicas as que determinaron a circunstancia, o nacionalista pídelle que especifique, concretamente, estas causas. Por último, pregunta se as reparacións se levaron a cabo só no día 14 de novembro ou se tiveron que seguir realizando comprobacións nos días posteriores. Precisamente, Carril apuntou na rolda de prensa que esta mañá, a plena luz do día, os farois estaban apagados.