EMPREGO

Onde están as políticas públicas de promoción de emprego na Coruña?

Protesta diante da oficina emprego de Monelos
Protesta diante dunha oficina de emprego

Preguntámoslle ao Goberno local da Marea Atlántica polo incumprimento do seu programa electoral en materia de políticas de emprego e promoción económica

Hai unha ausencia total de políticas de promoción económica da cidade, o único que está a elaborar o Goberno local é o plan de industrialización, unha proposta nosa que foi incluída no orzamento municipal de 2017 e aínda non se fixo nin público

O Goberno local está a renunciar ao necesario papel de liderado para procurar un desenvolvemento económico produtivo e estábel a medio e longo prazo da cidade alén do turismo e da hostalaría

Onde están as políticas públicas de promoción de emprego na Coruña?

Vimos de presentar está mesma mañá unha iniciativa (que podes descargar aquí) na que lle preguntamos ao Goberno local da Marea Atlántica polo incumprimento do seu programa electoral en materia de políticas de emprego e promoción económica

Recordámoslle á Marea Atlántica que esta formación presentouse aos comicios municipais cun programa electoral que recollía unha serie de iniciativas no apartado de modelo económico e enerxético.

Entre estas iniciativas, sinalaba a Marea Atlántica, algunhas que terían a súa repercusión de cara a procurar o crecemento económico e polo tanto o medre en oportunidades de emprego para as coruñesas e os coruñeses. Porén, máis aló do concurso de adxudicación de postos nos mercados municipais e do plan de industrialización que se está a elaborar, por proposta nosa, non consta que se estean a deseñar políticas en materia de promoción da creación de emprego na cidade, que teñan o seu efecto a medio e longo prazo.

Así, preguntamos por escrito se está a reorientar o Goberno municipal o modelo produtivo para facelo máis xusto ambiental e socialmente e así poder axustar tamén os Itinerarios persoais de Inserción das persoas usuarias a este enfoque, como recollía o punto 53 do documento “99 medidas para o 99%”.

Canto ao comercio local, queremos saber de que maneira está o Goberno local a promocionar o comercio de proximidade fronte ao modelo de grandes centros comerciais, como está a fomentar e consolidar o comercio local e como está potenciar as estratexias colaborativas entre as/os comerciantes.

Queremos saber tamén se o Goberno local elaborou xa un Plan Municipal de Fomento do I+D+i e se ten realizado o Goberno municipal estudos de prospección de emprego tal e como recolleu a Marea Atlántica no seu programa electoral nos puntos 58 e 63. De térense feito, queremos saber por que non son públicos e se se teñen encargado a empresas ou se se fixeron en colaboración con administracións públicas.

Por úlitmo, na iniciativa, tamén preguntamos de que maneira ten reformulado o Goberno local o Centro Municipal de Emprego, tal e como recolle o punto 61 do seu programa electoral, e que medidas de creación de emprego directo ten posto en marcha o Executivo local en prevención e xestión sostíbel de residuos, apoio ao pequeno comercio e a hostalaría, atención a persoas e cooperativismo rehabilitación enerxética de edificios como versa o punto 64 do programa electoral da Marea Atlántica.

A Coruña, 5 de xaneiro de 2018.

Onde están as políticas públicas de promoción de emprego na Coruña?