UNHA INICIATIVA DE FRANCISCO JORQUERA PARA O #PLENODECEMBRO DO 11D
Por unha oficina de asesoramento ás veciñas e aos veciños sobre o Plan de Rehabilitación do Barrio das Flores
Faino o BNG a través dunha moción que será defendida polo portavoz nacionalista no Concello, Francisco Jorquera, no Pleno ordinario deste mes de decembro, a se realizar o vindeiro xoves 11D.
As veciñas e veciños deste barrio -no que habitan 4.000 persoas, a moraren en por volta de 2.000 vivendas- demandan a creación dunha Oficina de Asesoramento para seren “informadas e consultadas” sobre o desenvolvemento do Plan Director, un órgano ao que podan recorrer para “resolver dúbidas e recibir cumprida información e asesoramento sobre os distintos trámites a facer”.
Na exposición de motivos desta moción, Jorquera salienta que no tempo da súa creación, a década dos 60 do pasado século, o Barrio das Flores foi todo un destacado expoñente dun “urbanismo moderno e innovador e dunha concepción social e funcional da planificación urbana e da arquitectura”.
Mais co paso do tempo o barrio foise degradando, a consecuencia do insuficiente mantemento e da ausencia de investimento público para ir reparando as deficiencias. É por iso que o Barrio das Flores foi declarado recentemente área de rehabilitación integral. “De aí que precise do impulso dun plan director”, resalta Jorquera, “que recupere e poña en valor este barrio emblemático, mellorando as súas condicións de accesibilidade e habitabilidade, rehabilitando vivendas, recuperando zonas verdes e espazos públicos e acompañando estes obxectivos doutras medidas dirixidas á súa revitalización”.
As veciñas e veciños deste barrio -no que habitan 4.000 persoas, a moraren en por volta de 2.000 vivendas- demandan a creación dunha Oficina de Asesoramento para seren “informadas e consultadas” sobre o desenvolvemento do Plan Director
Mais o barrio tamén precisa de medidas a curto prazo, non pode fiar todo á elaboración dese plano director.
Así, a moción do BNG propón que o Goberno Local adopte medidas para deixar atrás a infradotación de instalacións deportivas e cívicas que padece o barrio.
Nese sentido, Jorquera faise eco de demandas concretas das persoas que moran no barrio: a instalación dunha pista deportiva na rúa Orquídeas, a carón do parque infantil, e a procura dun acordo do Concello coa Xunta para o uso conxunto do Centro Sociocomunitario da Rúa Pensamentos, con vistas a o dotar de servizos e locais veciñais.
Cómpre tamén abordar problemas como as deficientes condicións de accesibilidade -numerosas escaleiras para salvar as diferenzas de cotas, naturalmente non accesíbeis para todo o mundo-, ben como tamén o déficit de mantemento de prazas, rúas, parques e xardíns, co pavimento levantado ou en estado moi irregular e deteriorado en moitas zonas, un fenómeno particularmente grave na contorna das rúas Petunias e Azucenas, chea de fochancas e pozas de auga.