O BNG INSTA O GOBERNO LOCAL A QUE VIXÍE SE A CONCESIONARIA CUMPRE COAS SÚAS OBRIGAS
Perante as queixas da veciñanza, Jorquera leva ao #PlenoDecembro a falta de limpeza na cidade
O estado dista moito de ser o idóneo, de aí que tamén as e os traballadores do servizo de limpeza estean a alertar sobre a desorganización xeral do servizo. Entre outras cousas, refírense ao deficiente estado da maquinaria e das ferramentas e á falta de persoal para asumir todas as tarefas.
O asunto vaino colocar Jorquera no Pleno en forma de pregunta oral co seguinte texto: “Cal é a avaliación que fai o Goberno Local sobre o cumprimento das súas obrigas por parte da concesionaria do servizo de limpeza viaria?”.
A xuízo do portavoz nacionalista, o Goberno Local debería supervisar o cumprimento das súas obrigas por parte da empresa e impor as sancións pertinentes cando for preciso. “Esiximos que o faga, porque queremos, de verdade, unha Coruña limpa”, remarca.
Un dos problemas do servizo, resalta, é que se están a asumir tarefas que en teoría non lle corresponden á concesionaria e, en troca, se desatenden aqueles traballos que si terían que se realizar.
A xuízo do portavoz nacionalista, o Goberno Local debería supervisar o cumprimento das súas obrigas por parte da empresa e impor as sancións pertinentes cando for preciso. “Esiximos que o faga, porque queremos, de verdade, unha Coruña limpa”, remarca
Nese sentido, Jorquera denuncia que se atenden tarefas complementarias -por exemplo, a limpeza de praias ou de festas e eventos- detraendo persoal e maquinaria dos servizos básicos -a limpeza integral de toda a cidade-, que fican sen os recursos suficientes.
“O propio prego detalla que en ningún caso as tarefas complementarias se poden acometer a costa de debilitar os servizos básicos de limpeza”, salienta o portavoz nacionalista
En definitiva, conclúe Jorquera, ese desvío de recursos ás tarefas complementarias fai que o servizo non atenda debidamente o coidado de parques e xardíns, a boa conservación dos equipamentos municipais ou o mantemento de calzadas e beirarrúas.,,
Cómpre, por tanto, que o Goberno Local actúe para lle lembrar á concesionaria cales son as súas obrigas básicas.