30 ANOS DE HOMENAXES AO CURA DAS ENCROBAS

Nun emotivo e concorrido tributo a Moncho Valcarce, Rubén Cela afirma que "o BNG nunca estivo tan perto da presidencia da Xunta"

Tributo BNG a Moncho Valcarce
Rubén Cela, durante a súa intervención
Nun emotivo e concorrido tributo á memoria de Moncho Valcarce -o número 30 que organiza desde 1994 o grupo de barrio do BNG de Monte Alto-, e após a ofrenda floral feita na súa tumba no cemiterio de Santo Amaro, o presidente da Fundación Galiza Sempre e coordinador da campaña do Bloque, Rubén Cela, afirmou que “o BNG nunca estivo tan perto da presidencia da Xunta”.
Nun emotivo e concorrido tributo a Moncho Valcarce, Rubén Cela afirma que "o BNG nunca estivo tan perto da presidencia da Xunta"

“A mellor homenaxe que lle podemos facer ás xeracións que nos precederon, as que construíron o edificio da auto-organización do pobo galego, a mellor homenaxe que lle podemos facer a Bóveda, Castelao, Reboiras ou a Moncho, é seguir o seu traballo e a súa acción política”, dixo Cela. “E iso concrétase en traballar duro, duro, duro, de aquí ao 18 de febreiro, para facer posíbel ver unha alternativa nacionalista ao fronte do goberno do noso país”, engadiu.

Por que é tan importante este 18 de febreiro? Porque é perfectamente verosímil que Ana Pontón vaia ser a próxima presidenta da Xunta. “E iso ocorrerá nun momento histórico que non é calquera, porque no Estado español se está a abrir unha oportunidade de que se poña sobre a mesa a plurinacionalidade do Estado. E non é indiferente que nese debate, por vez primeira na historia, Galiza poida estar en pé de igualdade con Euskal Herria e Catalunya e sente na mesa cunha presidenta nacionalista, coas mans libres, que defenda os intereses nacionais de Galiza”, remarcou.

20240127_121243
Un momento da ofrenda floral

No seu discurso, Cela reivindicou a plena vixencia do legado de quen foi popularmente coñecido como o cura das Encrobas. Vixencia polo seu amor por Galiza, polo seu firme compromiso coa necesidade de que o pobo galego se dotase de organizacións propias soberanas -sindicais, politicas- e pola súa defensa da terra.

A súa loita cívica en defensa das Encrobas contra o espolio Fenosa é a mesma que décadas despois libra o nacionalismo galego fronte a indiscriminada implantación de muíños eólicos, a megaminaría ou a permanencia de Ence na Ría de Pontevedra. A mesma apaixonada defensa da terra galega e das súas clases populares, desde Moncho até hoxe. Cela tracexou un fío que leva desde Valcarce até o BNG de hoxe e viu nel o mesmo compromiso a prol da causa do autogoberno, a prol de deixarmos de unha reserva de materia prima e man de obra barata para a industrialización e a modernización doutros territorios do Estado, nomeadamente de Madrid.

Nun emotivo e concorrido tributo a Moncho Valcarce, Rubén Cela afirma que "o BNG nunca estivo tan perto da presidencia da Xunta"