Queixas parabeniza a Coordenadora Galega de ONGs e remarca que o BNG incorporou as súas achegas ao programa de goberno
“Parabenicei o seu traballo e o seu compromiso con causas moi xustas e agradecinlles as súas achegas, que teñen sido incorporadas ao noso programa electoral e que, por tanto, fan parte do proxecto de goberno do país que vai liderar Ana Pontón a partir do 18 de febreiro”, remarca Queixas, quen estivo acompañada por Iria Taibo, número 8 da candidatura nacionalista, e por Francisco Jorquera, portavoz do BNG no Concello.
As representantes da Coordinadora Galega mostraron a súa satisfacción por que o BNG incorporase, no decálogo presentado onte en Compostela por Ana Pontón, o compromiso de Galiza, “como nación solidaria”, aumentar as axudas a cooperación e o desenvolvemento.
“Durante os case 15 anos ininterrompidos de goberno do PP, a Xunta non estivo á altura nin do traballo nin das demandas da Coordinadora Galega de ONGs. Isto desde logo vai mudar co goberno do cambio galego que vai liderar Ana Pontón”, remarcou Queixas.
Entre os compromisos que asume o BNG está o de incrementar significativamente a porcentaxe do orzamento galego que se encamiña á cooperación ao desenvolvemento, unha partida que ten sofrido os rigores das políticas de recortes practicadas pola dereita durante os seus anos de goberno na Galiza.