O BNG pídelle á Xunta que garanta a conservación da obra de Urbano Lugrís
A Coruña, 7 de decembro de 2012.- A deputada do BNG Ana Pontón vén de rexistrar no Parlamento de Galiza unha serie de iniciativas co fin de que a Xunta de Galiza garanta o estado de conservación da obra de Urbano Lugrís, nomeadamente o mural situado no Vecchio. Pontón sinala na iniciativa que o mural non está nin catalogado nin protexido e advirte de que o seu futuro é incerto, despois de coñecerse o feche desta cafetaría. É o Banco Etxcheverría, propietario do baixo en que se sitúa o mural, quen ten nas súas mans o destino e o futuro da obra deste pintor.
A parlamentar do BNG, que esixe a protección do mural, lembra que a conservación da obra de Urbano Lugrís foi tratado na Cámara galega durante a pasada lexislatura. Precisamente, o 16 de outubro de 2009 acadábase un acordo unánime para que a Xunta de Galiza inventariase as pinturas de Urbano Lugrís, cun especial fincapé na obra dispersa en edificios públicos e privados, para que se levase a cabo un estudo do estado da obra no café Vecchio, no antigo restaurante Fornos da Coruña, na Casa do Mar de Malpica e na Escola Igrexa de Vilaboa, coa limpeza e restauración que precisasen as obras.
Pontón denuncia o incumprimento deste acordo e critica o desleixo da Xunta ante a situación do noso patrimonio cultural. Urxe pois que a Xunta de Galiza actúe coa finalidade de garantir que a obra de Urbano Lugrís perdure e se conserve en condicións dignas, afirma nas iniciativas. Así, a deputada nacionalista esixe iniciar urxentemente as actuacións necesarias para garantir a conservación do mural que pintou urbano Lugrís na cidade da Coruña, no estabelecemento coñecido como Café Vecchio, catalogar todas as pinturas que ten Urbano Lugrís, atendendo específica e urxentemente, ás obras que se atopan dispersas en edificios públicos e privados e levar adiante as actuacións que se sexan necesarias para garantir a conservación e restauración da obra de Urbano Lugrís.