A nova concesión das Casas Museos debería contemplar a contratación estábel de perceptoras da RISGA
Eulen é a actual titular da concesión, asinada polo Concello o 28 de marzo de 2017. O contrato era por dous anos, con outros dous de prórroga, polo que está a piques de caducar. A concesión comprendía a xestión dos servizos complementarios, a montaxe, a desmontaxe e a atención ao público das casas museo da cidade.
Alerta Avia Veira de que “estamos agora a piques de rematarmos os catro anos totais da licitación sen que haxa un novo proceso de contratación en marcha”.
No servizo traballa actualmente “un número importante de persoas en risco social”, algunhas das cales fano ao abeiro das subvencións que concede a Xunta de Galiza para a contratación de perceptoras do RISGA por un prazo máximo de 9 meses.
Defende o BNG que nos pregos de contratación que se elaboren co horizonte da nova licitación se inclúa unha cláusula para a futura concesionaria ofrecerlles “contratos estábeis ás persoas perceptoras da RISGA que xa traballasen no servizo a través das ditas subvencións da Xunta e que ademais xa teñen demostrada a súa capacidade para traballaren nas casas museos da cidade”.