VALORACIÓN DO PLAN DIRECTOR
A nosa militancia nesa área da cidade pide unha Oficina de Rehabilitación para o Barrio das Flores
Por iso, o BNG reclámalle ao Goberno Local a inmediata posta en marcha dunha Oficina de Rehabilitación Municipal, que poida exercer de centro permanente de recollida de información e propostas sobre as necesidades do Barrio das Flores, e tamén asesorar as comunidades veciñais que precisen información sobre os trámites ou subvencións para rehabilitar os bloques de vivendas ou mellorar a súa eficiencia enerxética, pois actualmente están a acudir ao sector privado para facelo.
A creación desta oficina cumpriría un dobre obxectivo: solucionar a carencia no barrio dun axente de interlocución directa coa institución municipal, e comezar a materializar as propostas e iniciativas que se van sumando ao Plan Director.
O BNG entende que esta oficina municipal debería ubicarse nun dos múltiples locais baleiros do barrio.
De resto, a formación nacionalista considera que o Plan Director vén constatando as principais carencias que levamos anos denunciando: problemas de accesibilidade e barreiras arquitectónicas, a falta de equipamentos sociais e servizos público a pesar da existencia de tantos locais baleiros, a falta de mantemento dos espazos verdes e parques, etc.