Como non vai protexer o Sr. Negreira o "ciudadano Vázquez" se son tan amigos?
A Coruña, 13 de maio de 2013.- En relación á imaxe e informacións publicadas sobre a comida entre amigos na que participaron, entre outros, o alcalde da Coruña, o Sr. Negreira, o seu mentor, o Sr. Romay Beccaría, e o ex alcalde da Coruña e principal responsábel da desfeita en Someso, o Sr. Paco Vázquez, ao Grupo Municipal do BNG non lle estraña que o Partido Popular tombe, sistematicamente, todas e cada unha das mocións presentadas polas nacionalistas ao redor do caso Someso. Como non vai protexer o Sr. Negreira o ciudadano Vázquez, como o alcalde do PP lle chama o ex alcalde do PSOE, se son tan amigos?, expresan as nacionalistas ao respecto.
Curiosamente, o xantar de amigos entre o Sr. Negreira e o Sr. Paco Vázquez tivo lugar xusto na semana en que o Partido Popular impediu en Pleno (coa abstención e cos votos en contra do PSOE) debater unha moción presentada polo BNG na que se instaba o Concello da Coruña a ser personar na causa penal aberta polo Xulgado de Instrucción número 3 da Coruña contra Paco Vázquez polas súas actuacións en Someso.
Precisamente, o Grupo Municipal do BNG xa denunciara, en máis dunha ocasión, a actitude protectora do PP respecto de Paco Vázquez, ao que nin sequera menciona nas intervencións plenarias e ao que o Sr. Negreira chama ciudadano Vázquez.
O propio Goberno municipal recoñece, no informe de 15 de xuño de 2012, que Paco Vázquez participou na venda ilegal de terreos
As nacionalistas lembran que o propio Goberno municipal recoñece, no informe de 15 de xuño de 2012, que Paco Vázquez participou na venda ilegal de terreos. A venda directa do aproveitamento municipal (sen obrigado concurso público) derivou na apertura de dilixencias por parte do Xulgado de Instrucción número 3 da Coruña, co fin de investigar se houbo trato de favor. Este Xulgado investiga se a venda ilegal do aproveitamento urbanístico do Concello da Coruña á Xunta de Compensación do Sector 7 trae causa das relacións que o Sr. Vázquez, nese momento alcalde da Coruña, e o Sr. Fontenla, presidente da Xunta de Compensación do Sector 7, tiñan a través da Sociedade Iglevaz, S.L.
As nacionalistas advirten de que o Sr. Negreira ten coñecemento de que as actuacións de Paco Vázquez figuran no informe municipal de 15 de xuño de 2012 como ilegalidades e infraccións do ordenamento xurídico. É por iso que o BNG considera que o Concello debe personarse no procedemento aberto contra o ex alcalde. O anormal, sinalan as nacionalistas, é que, malia recoñecer os feitos irregulares mediante o informe de 15 de xuño de 2012, o Goberno do Sr. Negreira siga pechándose en banda e nin sequera permitira, ademais dos votos contrarios do PSOE, o debate da moción presentada polo BNG en Pleno, protexendo, así, o seu amigo Paco Vázquez.