O Goberno municipal incrementa o gasto nas obras faraónicas do Parrote e da Mariña
A Coruña, 12 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG cualifica de insensíbel e de irresponsábel o Goberno do Sr. Negreira por dilapidar unha millonada en obras faraónicas, que non responden ao interese xeral, na Mariña e no Parrote, logo de coñecer que o viario da Mariña se prolongará até o Hotel Atlántico, unha modificación que incrementará o custo da obra en 4 millóns; é dicir, custará 18 millóns de euros. Estes cartos súmanse aos 14 millóns de euros que vale o túnel do Parrote, o clamoroso e innecesario agasallo do Partido Popular a súa empresa amiga, Copasa.
As nacionalistas advirten de que nestas dúas obras, que non crearán nin traballo nin riqueza, se gastarán máis de 32 millóns de euros, nun contexto económico nefasto que mantén no desemprego a máis de 24.000 persoas na nosa cidade, cando non hai cartos para servizos sociais, cando soben os impostos e mesmo o billete do autobús e o prezo dun ben tan básico como a auga. Así, as nacionalistas ven incomprensíbel que o Partido Popular soterre 32 millóns de euros na zona do Parrote nunha actuación que non xerará benestar social cando está a obrigar o pobo até a pagar polos servizos sanitarios e polas medicinas, á vez que lle mete a tesoira ás prestacións sociais.
Cos recortes brutais que está a aplicar Rajoy e co empobrecemento e á miseria á que aboca o Partido Popular as maiorías sociais, o normal e procedente sería destinar os cartos públicos a proxectos que xerasen riqueza, que creasen emprego e que garantisen o benestar da cidadanía co afortalemento de servizos sociais e non enterralos en obras que só benefician empresas privadas.