Non hai nada que indemnizar nin compensar aos promotores da Agra de Santo Amaro
A Coruña, 26 de marzo de 2013.- Sobre a sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo nº3 da Coruña, de 1 de marzo de 2013, o Grupo Municipal do BNG afirma que, aínda sendo recorríbel, esta sentenza incide no que veñen insistindo as nacionalistas: que o Concello da Coruña non ten nada que indemnizar nin compensar aos promotores e, o que é máis importante, non tiña nada que negociar. Así, este fallo é un argumento máis aos que xa vén esgrimindo o BNG para demostrar que os promotores non teñen dereito a indemnización nin a compensación ningunha.
As nacionalistas, que se amosan cautelosas porque o fallo non é firme e porque hai outra causa pendente de resolver nos Xulgados do Contencioso-Administrativo, emprazan o Goberno municipal a iniciar de inmediato os trámites para revisar os estudos de detalle de 2001 e 2002, que son nulos de pleno dereito, ao omitirse o procedemento legalmente estabelecido e ao vulnerarse o principio de xerarquía normativa (foron aprobados omitindo o trámite de informe previo da Consellaría de Cultura informe preceptivo e vinculante, saltándose a propia Lei de Patrimonio Cultural como o Plan Especial da Torre). A este respecto, advirten de que a única vía segura para evitar a responsabilidade patrimonial do Concello pasa por expulsar do mundo xurídico ambos os estudos de detalle.
O Grupo Municipal do BNG leva reclamando, en numerosas ocasións, a revisión destes estudos de detalle. Desde o 3 outubro de 2011, data en que o BNG presentou en Pleno a primeira moción para a anulación destes instrumentos, moción que foi tombada polo PP, foron decenas as iniciativas presentadas polas nacionalistas ao respecto. Aínda a 14 de agosto de 2012, o Grupo Municipal do BNG enviáballe un escrito ao alcalde en que lle explicaba que non había nada que negociar cos promotores, ao igual que no rogo oral formulado polas nacionalistas no Pleno ordinario de setembro de 2012. Despois de coñecer esta sentenza, o Grupo Municipal do BNG considera que o Sr. Negreira non ten escusa ningunha para non proceder á revisión de oficio destes estudos de detalle.