O foro de Coruña Futura sácalle ás cores ao Goberno municipal pola nefasta política de mobilidade
A Coruña, 25 de marzo de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira asistiu esta mañá ao acto institucional de presentación dos resultados do foro de participación de Coruña Futura, uns resultado que "lle saca ás cores ao Goberno do Sr. Negreira pola súa nefasta política de mobilidade". E é que boa parte da xente que participou no foro valora negativamente o transporte urbano colectivo, o transporte metropolitano e as conexións con Ferrol, que consideran unha prioridade. Lembra Veira que o Bloque Nacionalista Galego ten denunciado, en numerosas ocasións, que o Goberno municipal, lonxe de priorizar o transporte público, lle pon atrancos, coa supresión do carril bus e co encarecemento das tarifas do autobús urbano.
A concelleira nacionalista salienta que as persoas preguntadas neste foro coinciden co BNG en apostar por un transporte público metropolitano que sexa cómodo, rápido e barato, e por contemplar outros medios alternativos, como o transporte marítimo e o tren de proximidade, demandas que as nacionalistas lles veñen transmitindo ás distintas Administracións. Precisamente, o BNG vén de reclamar no Congreso dos Deputados a comparecencia da ministra de Fomento para que dea conta da supresión de servizos ferroviarios na nosa comarca.