APOIO UNÁNIME ÁS NOSAS MOCIÓNS SOBRE AS DEMANDAS DAS TRABALLADORAS DO SAD E AS NECESIDADES DA AGRA DO ORZÁN
Nin PSOE nin PP apoian no Pleno a celebración dunha consulta popular sobre o porto
A moción non saíu adiante ao ter sido aprobada unha emenda do grupo socialista. De acordo co regulamento do Pleno, as emendas vótanse antes que as propias mocións. No caso de seren aprobadas, o texto orixinario da iniciativa emendada fica rexeitado. Iso foi o que aconteceu neste caso, a emenda do PSOE obtivo o respaldo dos 10 concelleiros do grupo de goberno, foi votada en contra por BNG, Marea e a concelleira non adscrita e colleitou a abstención do PP. O PP, ao absterse, facilitou a aprobación da emenda. Ten lóxica, porque ambos partidos son identicamente contrarios á celebración da consulta popular.
A emenda non foi aceptada polos grupos propoñentes porque, como explicou Francisco Jorquera na súa intervención no Pleno, excluía a celebración da consulta.
A posición do PSOE neste asunto é contraditoria co feito de que no pleno ordinario de maio os votos socialistas si que deron apoio a unha moción do BNG sobre participación e transparencia en que se defendía o impulso ás consultas populares.
É contraditoria tamén, e así o fixo constar Jorquera, co Acordo de Investidura asinado en xuño de 2019 polo PSOE co BNG e no que se contemplaba o compromiso, incumprido polo Goberno Local, de que se artellen fórmulas de participación cidadá.
“A solución que se lle dea á fachada marítima é chave para o futuro da Coruña”, dixo Jorquera, polo que “a decisión compete a toda a cidadanía”. Moito máis levando en conta a ambigüidade da alcaldesa sobre a súa disposición a que se destinen fondos do Concello á compra de terreos que xa son públicos e que foron gañados ao mar.
Remarcou o noso voceiro que non lle compete ao Concello “asumir o pagamento, pola porta de atrás, da débeda xerada pola construción do porto exterior, unha obra de titularidade estatal cuxa realización foi acordada nun Consello de Ministros”. O que, por contra, si lle compete á Administración local é impulsar a constitución dun Consorcio para acometer a transformación urbana dos peiraos, “e cábelle tamén esixir igualdade de trato, demandando a condonación da débeda ou unha solución análoga como sería o investimento no deseño da nova fachada marítima dunha cantidade equivalente ao débito”.
En todo caso, do debate tiramos a conclusión de que o Goberno Local non ten intención de organizar ningunha consulta popular sobre o futuro dos peiraos, cousa que nos parece lamentábel do punto de vista democrático.
Mocións aprobadas
De resto, o Pleno de xuño si deu luz verde, e por unanimidade, ás mocións do BNG sobre as demandas das traballadoras do Servizo de Atención a Domicilio e sobre as necesidades de rexeneración urbana do barrio da Agra do Orzán, ambas defendidas por Avia Veira.
“Desde o BNG consideramos que é preciso que Galiza conte cun novo modelo de coidado de maiores baseado nunha xestión pública” que teña como piares o aumento de residencias e centro de día públicos e o reforzo da teleasistencia e o servizo de atención ao domicilio, afirmou Avia Veira na súa intervención no Pleno.
Estamos a falar dun “servizo esencial” para a comunidade, mais tamén dun “dos traballos máis precarios e feminizados que existen”, remarcou. É por iso que “as profesionais do Servizo de Atención a Domicilio levan denunciando desde hai anos os abusos das empresas concesionarias”, ante os cales a Administración debe reaxir.
E nese contexto, e no cadro da súa loita por un convenio colectivo digno, as traballadoras do SAD pelexan agora por que, en cumprimento dos seus contratos, se lles actualicen os salarios consoante ao incremento da inflación, co 6,5 % como índice referente.
Daquela Avia Veira ve “imprescindíbel” que o Goberno Local supervise os contratos que rexen o SAD e que demande das concesionarias o cumprimento da legalidade laboral vixente, de modo a garantir os dereitos laborais das traballadoras.
A Xunta, salientou, ten tamén deberes desatendidos, e nese sentido Veira urxiu o Goberno galego a que incremente o financiamento do SAD e despregue un plan de inspección en orde a garantir o cumprimento dos dereitos laborais e salariais das traballadoras.
Canto á moción sobre as necesidades do barrio da Agra do Orzán, Avia Veira deu un dato absolutamente revelador: nesa zona da cidade, en apenas medio quilómetro moran 29.000 persoas. “O Hong Kong da Coruña, como a chamou no seu día Xurxo Souto”, dixo. Pois é, sendo que estamos a falar dun barrios máis densamente poboados de Europa.
29.000 persoas sen un metro cadrado de zona verde, denunciou a edil nacionalista. Se unha zona da Coruña foi pasto da especulación urbanística máis atroz esa é a Agra do Orzán, remarcou. “Os únicos espazos públicos que ten son o da Rúa Barcelona e o da Praza das Conchiñas, que o é porque a veciñanza loitou e pelexou por que ese anaquiño de barrio non fose tamén devorado” pola depredación inmobiliaria.
Que precisa a Agra do Orzán? Pois que o Goberno Local pense nela en todo momento, “esas 29 mil persoas tamén pagan o IBI e todos os impostos municipais”, e despregue unha batería de medidas para mellorar a calidade deste espazo urbano. E nesa dirección o BNG achegou ideas: fai falta impulsar un plan de rehabilitación dos edificios e de accesibilidade universal, potenciar o transporte público –mesmo contemplando a hipótese de criar unha liña interna ao barrio-, intensificar a limpeza e a recolla do lixo, mobilizar os barrios comerciais baleiros, incluír o barrio na programación cultural e deportiva e, por suposto, facer do Observatorio unha grande zona verde e un parque libre de novas edificacións.