Negreira provocará que o CEIP Manuel Murguía sexa o único da cidade sen patio cuberto
A Coruña, 10 de decembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG lamenta que o Goberno do Sr. Negreira converta o CEIP Manuel Murguía, en Feáns, no único colexio público de Infantil e Primaria da cidade sen patio cuberto onde poidan acubillarse os nenos e as nenas os días de chuvia. As nacionalistas critican a desatención do Goberno do Sr. Negreira a este centro tendo en conta que é o máis próximo a Novo Mesoiro, un barrio, lembran, en que viven unhas 10.000 persoas, moitas das cales teñen cativos e cativas. De feito, a demanda de prazas é tal que o colexio non é quen de atender todas as solicitudes.
Neste contexto e dada a necesidade de dotar o barrio de Novo Mesoiro dun complexo educativo, o Grupo Municipal do BNG vén de rexistrar unha pregunta para a resposta escrita para coñecer se o Goberno local lle solicitou á Xunta de Galiza a construción dun novo CEIP en Novo Mesoiro.
O BNG salienta que até a memoria de xestión de Educación indica que o Goberno local gasta cada vez menos en obras de investimento e mantemento nas escolas públicas
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG salienta que até a propia memoria de xestión de 2013 indica que o Goberno do Sr. Negreira gasta cada vez gasta menos en obras de investimento e mantemento nas escolas públicas. Os datos da memoria de xestión son contundentes, como veñen pondo de manifesto as nacionalistas, xa que o Partido Popular está a investir o 40% menos do que se investía nas escolas públicas. Dos 1.230.561,35 euros orzados inicialmente para 2011 o PP pasou aos 879.707 euros orzados inicialmente para 2015.