O PP volve excluír nen@s con diversidade funcional dos campamentos de nadal
A Coruña, 4 de decembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG denuncia a teima do Goberno do Sr. Negreira en seguir excluíndo os nenos e nenas con diversidade funcional dos campamentos organizados pola Concellaría de Cultura. As nacionalistas critican que o Goberno insensíbel do PP persista no erro de discriminar as crianzas con algún tipo de diversidade e advirten de que estamos ante unha exclusión ilegal e inmoral.
O Grupo Municipal do BNG critica que lonxe de rectificar, despois da polémica e malestar provocado polo Goberno do PP ao botar fóra do campamento de verán organizado no Ágora unha cativa de catro anos, Cultura repite esta aberración nos seus campamentos de nadal e recolle de maneira explícita no folleto IlusiOOOH!n. Campamentos Navidad 2014 do Ágora e do Fórum Metropolitano que la actividad no cuenta con necesidades de apoyo para niños con necesidades educativas especiales.
Ademais, as nacionalistas denuncian que esta discriminación de pequenos e pequenas con diversidade funcional tamén está a ter lugar nas actividades de lecer, tanto de primavera como de outono, organizadas pola mesma Concellaría. De feito, no último folleto do Programa Ocio Otoño recóllese subliñado no texto que estas actividades no cuentan con profesionales de apoyo para niños con necesidades educativas especiales.
O PP comezou a discriminar nenos e nenas con algún tipo de discapacidade no ano 2013
A raíz da denuncia dunha nai sobre a expulsión da súa filla con diversidade funcional dun campamento de verán organizado polo Goberno local no Ágora, o BNG recompilou todos os cuaderniños editados pola Concellaría de Cultura sobre os campamentos urbanos e as actividades de lecer dos sábados.
A sorpresa do BNG foi maiúscula ao se decatar de que o PP comezou a discriminar de maneira explícita as crianzas con algún tipo de diversidade en 2013. No 2012, seguindo a estela do anterior goberno municipal, o PP permitía que os pequenos e pequenas con diversidade funcional participaran neste tipo de campamentos e de actividades.
O BNG explícalle ao Goberno do Sr. Negreira o significado do termo necesidades educativas especiales
Por último, o Grupo Municipal do BNG explícalle ao Goberno do Sr. Negreira que as necesidades específicas de apoio educativo (NEAE), un termo que só ten sentido no marco dun ensino regulado e non nunhas actividades e campamentos organizados por un Concello. As nacionalistas transmítenlle ao Sr. Negreira que as NEAE refírense ao feito de que un cativo ou cativa, nun momento determinado da súa escolarización, vai precisar dun apoio específico que resolva a súa necesidade especial. Para que o Sr. Negreira e o seu goberno o entenda, o BNG pon o exemplo dun ou dunha estudante inmigrante que non coñeza nin o galego nin o español e que se escolarice nun centro de ensino; neste caso falaríase de necesidades específicas de apoio educativo.