JORQUERA REMARCA QUE O EXECUTIVO AÍNDA NON ENTREGOU O GRAO DE EXECUCIÓN DAS CONTAS DO CONCELLO DESTE EXERCICIO
A negociación dos orzamentos "propiamente aínda non comezou" porque o Goberno Local continúa sen cumprir os acordos xa asinados
Mais foi unha reunión formal -remarcou ao seu termo o noso portavoz no Concello, Francisco Jorquera- porque “a negociación dos orzamentos, propiamente, aínda non se iniciou”.
E non se iniciou porque aínda fican por cumprirse boa parte dos compromisos contidos quer no Acordo de Investidura quer no Acordo que deu luz verde aos orzamentos do presente ano 2024.
“O BNG ten a mellor disposición a dialogar e a explorar a posibilidade de acordo, pero previamente hai que cumprir o que xa estaba acordado”, enfatizou Jorquera.
No acordo de investidura figura que a negociación dos orzamentos comezarían en setembro, mais tamén aparece que na primeira reunión co BNG o Goberno Local entregaría un borrador das contas para o próximo exercicio.
“Mais esa entrega non se produciu. Non temos ningún borrador. O que fixeron foi comentarnos as grandes liñas que, ao seu xuízo, deberían contemplar os vindeiros orzamentos. Pero iso non é un borrador”, precisa Jorquera.
Non só non hai borrador, senón que o Goberno Local tampouco ten posto a disposición do BNG, a pesar de se lle ter solicitado desde hai xa bastante tempo, unha información detallada sobre o grao de execución dos orzamentos vixentes, nomeadamente no que atinxe “aos investimentos e programas que foron introducidos a proposta do BNG”.
Esa información é moi relevante porque ten a ver cunha condición que o BNG lle trasladou ao PSOE para iniciar a negociación: “Para o BNG calquera acordo orzamentario debe partir dunha premisa previa: o cumprimento do que xa estaba acordado”.
Jorquera revelou que “durante os últimos meses” BNG e PSOE mantiveron “reunións discretas” para facer seguimento dos acordos de investidura e orzamentos. “Nalgúns aspectos houbo avances, mais outros compromisos aínda están sen cumprir”, concluíu.