CONTINÚAN AS COMPARECENCIAS NA COMISIÓN DA FACHADA MARÍTIMA QUE PRESIDE JORQUERA
Moi interesantes as achegas de Defensa do Común e Oza A Gaiteira Os Castros
“As dúas comparecencias foron realmente interesantes, con achegas que enriquecen o necesario debate social arredor da ordenación da fronte litoral da nosa cidade. É moi importante que todo o tecido cívico se implique e contribúa con ideas e propostas”, remarca Jorquera.
Defensa do Común puxo o acento en que a reordenación dos peiraos debe preservar a actividade produtiva portuaria, pois a dársena interior é un dos motores económicos da cidade, ao tempo que enfatizou a importancia de manter a titularidade pública dos terreos e de que o deseño da nova fachada marítima sexa coherente coa ordenación urbanística da área das Xubias e a Ponte Pasaxe.
Monge, relata Jorquera, defendeu tamén que a transformación do porto interior é unha espléndida oportunidade para resolver problemas de mobilidade da cidade e a comarca, coa creación dun intercambiador de transporte en San Diego ao que chegue o futuro servizo ferroviario de proximidade.
A débeda que lastra a Autoridade Portuaria pola construción da dársena exterior foi abordada tamén por Defensa do Común, quen postulou a súa condonación por parte do Estado (cousa que si fixo co débito do porto de València) para evitar a súa liquidación pola vía da venda de parte dos peiraos.
Canto á asociación veciñal Oza A Gaiteira Os Castros, refire Jorquera, presentoulle á Comisión un proxecto “que valorizamos, nas súas liñas xerais, como moi interesante” e que vai na liña de aproveitar a transformación da porto interior para “suplir o grande déficit de zonas verdes que ten a nosa cidade”, coa construción dun grande corredor verde. O proxecto foi presentado pola arquitecta Elena Sarmiento, quen acompañou Paulo Sexto durante a súa comparecencia.
A asociación veciñal avoga por que este proceso sirva tamén para resolver “a integración real de toda a área de San Diego, A Gaiteira e Os Castros no bordo marítimo”, propósito que o BNG comparte totalmente.
“Até agora”, relata Jorquera, “este barrio da nosa cidade sufriu a actividade do porto. Existe agora a grande oportunidade de mellorar a integración desta área e a súa interrelacción co litoral, aumentando as zonas verdes, os equipamentos públicos e as zonas de lecer, mellorando en definitiva a relación porto-cidade·.
“En calquera caso, o BNG considera que este proceso se debe facer coa máxima participación social e por iso cremos que é moi importante que as entidades cívicas fagan as súas achegas”.