NO #PLENOOUTUBRO DESTE XOVES

Jorquera vaille preguntar ao Goberno Local se é consciente de que goberna en minoría "porque moitas veces non o parece"

Conferencia de prensa de Jorquera 2 (1)
Jorquera, nunha comparecencia ante os medios
O portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, vaille preguntar no Pleno deste xoves ao Goberno Local se é consciente de que goberna en minoría, “porque moitas veces non o parece”.
Jorquera vaille preguntar ao Goberno Local se é consciente de que goberna en minoría "porque moitas veces non o parece"

“Preguntámonos se o Goberno Local é consciente de que goberna en minoría e facémolo porque existen moitos exemplos que demostran que non o é, cando en realidade nin ten maioría absoluta nin tan sequera maioría simple”, afirma o voceiro nacionalista.

O certo é que “o PSOE goberna na cidade da Coruña froito dun acordo” e, salienta Jorquera, “se o exercicio do diálogo e a procura do consenso sempre é desexábel, no seu caso, ademais, se de verdade quere gobernar, é unha necesidade”.

Os exemplos que demostran até que punto o Goberno Local se comporta como se non estivese en minoría son innumerábeis, entre eles estaría o convenio con Gingko sobre o futuro das Xubias, o nomeamento de Isabel Pardo de Vera como directora do Plan Estratéxico A Coruña 2030-2050 ou a candidatura para ser sede do mundial de fútbol masculino 2030.

"O PSOE goberna na cidade froito dun acordo. Se o exercicio do diálogo e a procura do consenso sempre é desexábel, no seu caso, se de verdade quere gobernar, é unha necesidade", remarca Jorquera

En ningún destes casos o Goberno Local tivo en conta a súa situación de minoría dentro da cámara municipal e a primeira información que ao respecto recibiu o BNG “foi a través dos medios de comunicación”.

No que ten a ver co mundial de fútbol masculino, a alcaldesa chegou a presentalo como un proxecto de cidade, “mais foi elaborado e anunciado sen informar os grupos municipais e, por suposto, sen o consensuar con eles”.

En todo caso, Jorquera remarca que non se trata só de practicar o diálogo e procurar o consenso. “Tamén é preciso cumprir o acordado”, di co ollar posto na negociación dos orzamentos.

“Para chegar a un acordo para uns novos orzamentos hai unha condición previa: que se cumpra o que xa estaba acordado. E, por tanto, o exercicio do diálogo e a procura do consenso non pode ser un simple slogan”, conclúe.

 

Jorquera vaille preguntar ao Goberno Local se é consciente de que goberna en minoría "porque moitas veces non o parece"