CONFERENCIA DE PRENSA DE JORQUERA

Negociación dos orzamentos? Si, mais entre os grupos que se presentaron ás eleccións e sen cambalaches

Conferencia de prensa de Jorquera 2 (2)
O portavoz do BNG no Concello e candidato nacionalista á Alcaldía en 2023, Francisco Jorquera, compareceu esta mañá ante os medios, nas nosas oficinas en María Pita, para avaliar a situación política que se vive na Corporación e para dar a coñecer a posición do Bloque sobre unha eventual negociación dos orzamentos municipais para 2023.
Negociación dos orzamentos? Si, mais entre os grupos que se presentaron ás eleccións e sen cambalaches

O portavoz do BNG no Concello e candidato nacionalista á Alcaldía en 2023, Francisco Jorquera, compareceu esta mañá ante os medios, nas nosas oficinas en María Pita, para avaliar a situación política que se vive na Corporación e para dar a coñecer a posición do Bloque sobre unha eventual negociación dos orzamentos municipais para 2023.

Jorquera dixo que o BNG ten “disposición a negociar”, sendo que “sempre tivemos unha actitude construtiva pondo os intereses dos cidadáns por diante”.

Mais tendo en conta que o grupo municipal socialista ten incumprido de xeito flagrante boa parte daquilo ao que se comprometeu co BNG no Acordo de Investidura de Inés Rey, a formación nacionalista pon condicións a esa negociación dos orzamentos.

A primeira condición é que o PSOE “retorne aos contidos do Acordo de Investidura, con garantías de que a partir de agora si que os vai cumprir”.

Conferencia de prensa de Jorquera 2 (1)
Jorquera, durante o encontro cos medios

A segunda condición é que a negociación dos orzamentos se produza entre as forzas políticas que se presentaron como tales ás eleccións municipais de maio de 2019 e preferentemente entre aquelas que se postulan como progresistas e que tornaron posíbel a investidura de Inés Rey. “Os grupos municipais teñen esa lexitimidade, outorgada polos cidadáns. E non se pode conceder nas negociacións un rol equivalente ás concelleiras non adscritas”, enfatizou.

Neste sentido, subliñou Jorquera que “o BNG non se vai prestar a ningún cambalache”. “Sempre dixemos”, estendeuse, “que se unha persoa se presenta nunha lista e logo se desvencella dela o ético é que renuncie á súa condición de concelleira”. De aí que a formación nacionalista reclamase hai anos “que renunciasen aos seus cargos aquelas persoas electas nas listas do BNG que se pasaron ás Mareas”. “E consideramos que así o deberían facer tamén as concelleiras non adscritas que se presentaron pola lista da Marea Atlántica”, argüíu.

Negociación, pois, entre os grupos que teñen lexitimidade por teren concorrido como tales ás eleccións de maio e negociación sen exclusión, como a sufrida polo BNG cando PSOE e Marea decidiron afastar o grupo municipal nacionalista das conversas para acordar os termos dos orzamentos de 2022, lembrou Jorquera.

Canto á situación política que se vive no Concello, o portavoz nacionalista mostrou a “preocupación” que lle produce ao BNG “a inestabilidade que caracteriza este mandato”.

Unha inestabilidade que atinxe a todas as formacións representadas na Corporación coa única excepción do BNG.

“Inestabilidade no propio Goberno Municipal, desde o cesamento de Eva Martínez Acón até a demisión de Juan Manuel Díaz Villoslada, a incerteza sobre a situación de Mónica Martínez ou as continuas mudanzas na área de Culura”, relatou Jorquera. Inestabilidade que se traduciu na desaparición de Ciudadanos da Corporación ou no feito de o PP xa ir polo seu cuarto voceiro (Bea Mato, Roberto Rodríguez, Rosa Gallego e Miguel Lorenzo), completou.

“A isto súmase a ruptura da Marea. Dos seis concelleiros cos que iniciou o mandato fican agora catro. Á condición de concelleira non adscrita de Isabel Faraldo vaise engadir agora Susana Soneira”, engadiu.

“O BNG é a excepción. Fronte aos problemas e inestabilidade dos outros grupos, o BNG demostrou ser unha forza política estábel e confiábel”, concluíu.

 

 

 

 

 

Negociación dos orzamentos? Si, mais entre os grupos que se presentaron ás eleccións e sen cambalaches