UNHA INICIATIVA DE FRANCISCO JORQUERA PARA O #PLENOOUTUBRO
É necesario o reforzo do servizo de limpeza, nomeadamente para acabar co amoreamento de voluminosos nas rúas
“No noso contacto coa veciñanza e nas nosas visitas aos barrios constatamos que hai malestar xeneralizado pola situación da limpeza e, en particular, cos problemas derivados da recollida do lixo”, relata na exposición de motivos.
Baixando ao concreto, sinala Jorquera a falta de respostas da actual concesionaria de recollida de lixo -que rexe o servizo cun contrato cuxa adxudicación foi anulada por unha sentenza do TSXG- fronte “ao grande número de residuos voluminosos depositados nas calzadas e beirarrúas da Coruña”. “Abonda con pasear polas rúas dos nosos barrios para atopar cada poucos metros colchóns, mobles e outros residuos de grande tamaño que, alén do seu impacto visual, son focos de sucidade”, alega.
A este respecto, denuncia Jorquera que “segue habendo cidadáns que chaman ao 010, seguen as indicacións para depositar voluminosos, pero pasan semanas sen que estes sexan recollidos”.
Por tanto, cómpre, que o Goberno Local se preocupe de supervisar o cumprimento por parte da concesionaria das tarefas que asumiu ao se facer coa xestión deste servizo, ao tempo que é preciso que o Executivo coruñés introduza “os reforzos necesarios” visando “pór fin á acumulación de residuos voluminosos nas rúas da nosa cidade”.
“Abonda con pasear polas rúas dos nosos barrios para atopar cada poucos metros colchóns, mobles e outros residuos de grande tamaño que, alén do seu impacto visual, son focos de sucidade”, alega Jorquera
Alén de se preocupar por que a concesionaria cumpra coas súas obrigas, o Concello debe fomentar tamén a educación cívica. Non é de recibo determinadas condutas que resultan no amoreamento de residuos nas rúas. “O espazo público é de todas e todos. Haino que coidar e haino que pór en valor. O individualismo, a falta de sentimento comunitario, fai que haxa moitos comportamentos incívicos que degradan o espazo público. Estas condutas tamén as hai que perseguir e facelo con todo o rigor”, remarca Jorquera.
Este aspecto da cuestión leva o BNG a colocar un cuarto punto na súa moción que reza como segue: “Instar o Goberno Municipal a desenvolver campañas de información e sensibilización cidadá sobra as pautas que hai que cumprir no relativo á separación do lixo en orixe e o seu depósito e a que dea as instrucións oportunas para que se exerza, co máximo rigor, a potestade sancionadora ante incumprimentos do establecido nas ordenanzas”.
Igualmente, o BNG propón que nas zonas con grande concentración de establecementos hosteleiros se introduzan os sistemas de recollida e os reforzos necesarios para evitar a acumulación de residuos fóra do horario establecido para o seu depósito e o amoreamento de bolsas de lixo na contorna dos contedores.