Os tres grupos municipais acordamos un comunicado do Concello en solidariedade co cadro de persoal de Teleperformance

Encontro co comité de empresa de Teleperformance. 27 de setembro de 2023.
Jorquera mantivo o 27 de setembro un encontro co comité de empresa de Teleperformance A Coruña
Ante a difícil situación pola que atravesa o cadro de persoal de Teleperformance A Coruña, sobre o que pesa unha ameaza de ERE, os grupos municipais de PP, PSOE e BNG acordaron un comunicado do Concello da Coruña en solidariedade con este colectivo de traballadoras e traballadores e en apoio ás súas xustas demandas e reivindicacións.
Os tres grupos municipais acordamos un comunicado do Concello en solidariedade co cadro de persoal de Teleperformance

O comunicado -asinado polos portavoces dos grupos municipais con representación no Concello: Francisco Jorquera (BNG), José Manuel Lage (PSdeG-PSOE) e Miguel Lorenzo (PP)- reza como segue:

 

“O ERE anunciado por Teleperformance o pasado 25 de agosto deixará na rúa a 38 familias na Coruña, 158 en Ponferrada, 110 en Sevilla e 4 en Madrid. Teleperformance España pretende despedir a 310 traballadores e traballadoras por causas organizativas e/ou produtivas.

A multinacional, que dobrou os seus beneficios tras a pandemia e que recentemente anunciou unha OPA sobre o grupo Majorel, xustifica esta decisión debido a que prevé unha diminución de volumes en dúas das campañas que está a xestionar.

O Comité de Empresa asegura que non ve xustificación algunha para a actuación que pretende aplicar a empresa, e solicitaron que a medida se cinga única e exclusivamente ao criterio de voluntariedade, pero, afirman que non ven vontade para iso por parte da empresa e que esta última está a poñer trabas ao devandito criterio.

Encontro Jorquera co comité de empresa de Teleperformance. 27 de setembro de 2023.
Un momento do encontro de Jorquera co comité de empresa de Teleperformance

En menos de tres anos o cadro de persoal da empresa nesta cidade pasou de máis de 900 persoas á pouco máis de 500, que están a traballar actualmente no centro de Agrela.

Case 400 persoas quedaron sen emprego na comarca debido ás políticas de deslocalización das empresas que prestan servizos de atención á clientela, servizos que as grandes multinacionais como Teleperformance están a trasladar a países con condicións laborais e sociais precarias, aumentando así os seus beneficios empresariais en detrimento da economía das familias da Coruña.

Este novo episodio súmase aos sufridos con anterioridade polo persoal doutros servizos de atención ao cliente situados na cidade, como o de Unión Fenosa Distribución (UFD) do Grupo Naturgy, o de R, o de Orange ou o de Servihabitat.

En menos de tres anos o cadro de persoal da empresa nesta cidade pasou de máis de 900 persoas á pouco máis de 500, que están a traballar actualmente no centro de Agrela

O Concello da Coruña súmase á denuncia do comité de empresa de Teleperformance A Coruña ante a falta de responsabilidade social das multinacionais como Teleperformance que, ano tras ano, aumentan os beneficios das súas corporacións en vez de investir na mellora das condicións laborais das persoas traballadoras ou nun mellor servizo e trato á súa clientela.

O Concello da Coruña fai un chamamento ás grandes empresas asentadas no noso termo municipal, e en especial neste caso a Teleperformance A Coruña, para que deteña a destrución de emprego e ataque á economía da cidade e da súa área de influencia, e para que aposte de maneira firme e convincente non só polo mantemento do seu cadro de persoal actual, senón polo crecemento do mesmo no centro de traballo de Agrela.

Así mesmo, o Concello da Coruña insta a Xunta de Galicia e á Administración estatal a adoptar as medidas oportunas para evitar a deslocalización e garantir así o mantemento do emprego no país”.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Os tres grupos municipais acordamos un comunicado do Concello en solidariedade co cadro de persoal de Teleperformance