UNHA INICIATIVA DE FRANCISCO JORQUERA

A necesaria rehabilitación das popularmente coñecidas como Casas de Franco

Casas de Franco
Casas de Franco
O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, rexistrou unha moción, para o seu debate no Pleno do vindeiro xoves 4N, por medio da cal pídelle ao Goberno coruñés que impulse a rehabilitación integral do grupo de vivendas popularmente coñecido como “Casas de Franco”, un asentamento de 578 moradas sociais que ocupan 2,12 hectáreas entre a Ronda de Outeiro e a rúa Mosteiro de Caaveiro, no Ventorrillo.

Na exposición de motivos desta iniciativa, remarca Jorquera que xa en 2015 as chamadas Casas de Franco foron declaradas Área de Rehabilitación Integral, mais a realidade é que “no conxunto non se levaron a cabo actuacións de rehabilitación, a diferenza doutros grupos de vivendas sociais da nosa cidade, onde si se desenvolveron ou comezaron a se desenvolver, caso, entre outros, da Sagrada Familia, Vivendas dos Mariñeiros, Grupo de Vivendas do Birloque ou o Grupo de Vivendas de Santa Cristina en Palavea.

A situación é ben preocupante, pois as Casas de Franco sofren un alarmante proceso de degradación. Pragas de pombas –con acumulación de excrementos que supoñen un “verdadeiro problema de hixiene e saúde pública”-, o mal estado da zona axardinada, a fata de poda das palmeiras alí situadas, coa conseguinte proliferación de ratas, son algúns dos trazos que debuxan a deterioración deste asentamento poboacional. “A obsolescencia dos materiais, as humidades nas fachadas e, mesmo nalgún bloco, o lento afundimento do chan das vivendas do nível inferior son algúns exemplos desa deterioración”, esténdese o voceiro nacionalista.

É por todo isto que a moción do BNG insta o Goberno Local a que procure unha solución inmediata ao problema colocado pola praga de pombas e a que dea as instrucións oportunas para “asegurar o correcto mantemento do xardín e das palmeiras situadas á altura da Ronda de Outeiro número 259”, visando tamén que se proceda á inmediata desratización desta zona.

A necesaria rehabilitación das popularmente coñecidas como Casas de Franco