UNHA INICIATIVA DE FRANCISCO JORQUERA PARA O PLENO DO 4N

Acabemos coa vergoña de o alcalde e represor franquista Peñamaría de Llano ter aínda honras na cidade

penhamaria
penhamaria
O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, vai defender no Pleno do vindeiro 4N unha moción para a alcaldesa pór en marcha o procedemento que resulte na revogación de todas as honras e distincións de que aínda goza o alcalde franquista Sergio Peñamaría de Llano (1959-1963).
Acabemos coa vergoña de o alcalde e represor franquista Peñamaría de Llano ter aínda honras na cidade

Peñamaría de Llano, como oficial ao mando do I Terzo da III Bandeira da Lexión, participou directamente na represión na zona do Barco de Valdeorras. O seu nome está ligado ao terror. El propio deu o tiro e graza a algunhas das persoas asasinadas en execucións extraxudiciais, segundo acreditan numerosas testemuñas recollidas en traballos de recoñecidos historiadores.

A repulsa que producen os seus actos criminosos e salvaxes levou o Pleno do Concello do Barco de Valdeorras, o pasado mes de outubro, a acordar por unanimidade dirixirse ao Concello da Coruña para este retirarlle todas as honras e distincións a Peñamaría de Llano. A Corporación local do Barco de Valdeorras facía tamén unha proposta concreta: que este connotado represor franquista deixase de lle dar nome a unha rúa do barrio do Ventorrillo e que esta pasase a levar a denominación de Mártires de Valdeorras.

Tampouco debemos esquecer, e así o fai constar Jorquera na súa iniciativa, o rol xogado por Peñamaría de Llano, xa incorporado ao corpo xurídico militar, como fiscal en Consellos de Guerra Sumarísimos realizados contra dirixentes do PCE, algúns deles condenados a morte a petición precisamente de quen foi alcalde da Coruña durante o período 1959-1963.

A repulsa que producen os seus actos criminosos e salvaxes levou o Pleno do Concello do Barco de Valdeorras, o pasado mes de outubro, a acordar por unanimidade dirixirse ao Concello da Coruña para este retirarlle todas as honras e distincións a Peñamaría de Llano

Xa como alcalde, foi unha das persoas implicadas directamente na operación fraudulenta que levou a que a familia Franco se fixese coa titularidade da Casa Cornide, subliña o portavoz nacionalista.

Non cabe outra que lle retirar todas as honras e distincións, a aplicar a Lei de Memoria Histórica, en concreto o seu artigo 15.

“Unha sociedade democrática non pode ter como fillos predilectos significados franquistas nin pode manter as rúas de alcaldes da ditadura”, di Jorquera, quen sinala que, segundo a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, na Coruña fican 108 símbolos franquistas sen retirar, entre nomes de rúas, edificios e grupos de vivendas; distincións honoríficas e monumentos, escudos, placas ou retratos.

Por tanto, e alén do caso concreto de Peñamaría de Llano, o BNG insta tamén o Goberno Local a que dea os pasos necesarios que conduzan á retirada da simboloxía franquista que aínda existe na cidade da Coruña.

O grupo municipal nacionalista empraza tamén o executivo coruñés a que convoque, á maior brevidade posíbel, o Consello da Memoria Democrática.

 

 

 

 

Acabemos coa vergoña de o alcalde e represor franquista Peñamaría de Llano ter aínda honras na cidade