Nas súas emendas aos orzamentos da Xunta, o BNG pide 61 millóns de euros máis para a cidade
Dos 2.600 millóns de euros en partidas territorializadas no proxecto de orzamentos da Xunta para a cidade da Coruña, apenas 77 corresponden á nosa cidade, denunciou esta mañá a parlamentar do BNG Mercedes Queixas.
Queixas –quen compareceu perante os medios canda o responsábel comarcal do BNG, Daniel Carballada- presentou as emendas que o BNG formula ás contas da Xunta en relación á cidade da Coruña.
Se se aprobaren as mudanzas que propón o BNG, o diñeiro destinado á Coruña aumentaría por volta de 61 millóns de euros.
“As contas da Xunta vólvenlle virar as costas á nosa cidade”, denunciou Queixas. “Alén de máis, os orzamentos son insolidarios, insolventes e moi pouco críbeis”.
“É unha proposta orzamentaria insuficiente e, aínda por riba, moi pouco críbel”, critica e, entre as súas carencias, sinala “a falta dunha aposta clara pola Cidade das TIC ou pola promoción da vivenda pública”. Tampouco hai, enfatizou, intención en dinamizar o tecido produtivo e industrial da Coruña.
“Se hai unha partida que evidentemente é pouco críbel é a dos 20 millóns de euros para a transformación da fachada marítima. É evidente que non se vai executar nin en 2023 nin en 2024”, acrecentou. Reiterou Queixas que o BNG si ve ben que a Xunta participe na urbanización dos peiraos xa liberados dos usos portuarios e que faga parte dun consorcio co resto das administracións públicas. “Iso si, o que nunca apoiaremos é que se destine diñeiro público para mercar terreos que xa son públicos e que deben ser restituídos de balde ao pobo da Coruña”, remarcou.
Canto ás emendas do BNG, poñen o foco no reforzo dos servizos públicos, para mellorar a situación dos centros de saúde e ensino, moi desatendidos na nosa cidade, con propostas concretas como a construción dunha escola infantil no termo municipal da Coruña, proxecto para o que o Bloque propón que se inclúa no orzamento de 2023 unha partida por importe de 2,5 millóns de euros.
As políticas de acceso á vivenda na Coruña recibirían un grande impulso se se aprobaren as emendas do BNG a estes orzamentos, cunha emenda por valor de 20 millóns de euros para completar os apenas 10,1 que orza a Xunta (8,4 para 40 vivendas en Xuxán e 1,7 para rehabilitación).
A formación nacionalista persegue tamén prestar un apoio decidido á Coruña creativa, á Coruña que está na vangarda da cultura galega, con emendas como ás destinadas ao Consorcio para a Promoción da Música (o órgano que xestiona a Orquestra Sinfónica de Galiza) por valor de 900 mil euros, ao Circo de Artesáns (para dixitalizar e catalogar a súa biblioteca) por 100 mil euros e á Fundación Luís Seoane por 500 mil euros (para garantir a protección do legado “dun autor tan referencial e universal como Seoane”).
En total, as emendas do BNG referidas á cidade importarían por volta de 61 millóns de euros e “están pensadas para, desde a política galega, mellorar a vida das coruñesas e coruñeses”.
As emendas comarcais
Canto ao plano metropolitano, o responsábel comarcal do BNG, Daniel Carballada, fixo unha avaliación “negativa” dun proxecto de orzamentos da Xunta no que “a área máis puxante e dinámica do país apenas ten peso, máis alá de cuestións de xestión do día a día”.
Entre as críticas, a ausencia de medidas para impulsar a gratuidade dunha AG-55 que une A Coruña con Arteixo, Laracha e Carballo e que serve de acceso á Costa da Morte ou a inexistencia de partidas para realizar os viais de conexión que Culleredo demanda coa AP9.
De resto, denuncia que o Río Mero “vai continuar total e absolutamente asilvestrado” e que “Portos de Galiza é inexistente nas infraestruturas situadas nos concellos de Oleiros e Sada”.
As emendas do BNG, en troca, están “perfectamente razoadas e calibradas e servirían de base para a acción dun goberno nacionalista alternativo”, concluíu.