SESIÓN DE CONTROL AO EXECUTIVO CORUÑÉS
Após o BNG pedir a reforma da Ordenanza das Terrazas, o Goberno Local ofrece consensuar as mudanzas
A xuízo da formación nacionalista, é preciso introducir mudanzas na vixente Ordenanza sobre as Terrazas, aprobada en 2013, para establecer un maior control a respecto de como estes elementos ocupan o espazo público.
“Non parece que haxa o máis mínimo control. Podemos entender que durante a pandemia se fose permisivo para apoiar os establecementos hosteleiros, mais agora estamos felizmente noutra fase e hai determinadas situacións que nos traslada a veciñanza que nos parecen insostíbeis”, referiu Veira. Situacións como a ocupación de amplas zonas en prazas e áreas peonís, ou a disposición destas instalacións de modo a dificultar a accesibilidade universal a persoas con diversidade funcional ou mesmo invidentes. “Hai tamén terrazas que obstaculizan o paso de vehículos de emerxencia ou que ocupan espazos de aparcamento”, engadiu Veira.
"Podemos entender que durante a pandemia se fose permisivo para apoiar os establecementos hosteleiros, mais agora estamos felizmente noutra fase e hai determinadas situacións que nos traslada a veciñanza que nos parecen insostíbeis”, referiu Veira.
En definitiva, ao BNG preocúpao o feito de que determinadas medidas que se reputaron como transitorias se podan eternizar sine die, o que convidaría por tanto a regular o status das terrazas na cidade. “A isto haille que engadir unha outra circunstancia: a de que nos vindeiros meses van caducar o que lles chamaban os ‘chirimbolos’, estas estruturas que ocupan parte da Praza de María Pita e que acollen tamén terrazas, engadiu.
En definitiva, para Avia Veira hai unha situación “non moi homoxénea na cidade canto ás terrazas”, o que convidaría a “revisar a Ordenanza de 2013 en orde a establecer un maior control por parte do Goberno Local”.
Por súa parte, o concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Fran Dinís Díaz Gallego, avanzou a intención do Goberno Local de “comezar un traballo consensuado” coa veciñanza e a hostelaría para ver que medidas introducidas durante a pandemia –e que permitiron unha maior ocupación do espazo público por parte destes elementos- poden ter continuidade e cales non “nunha situación normalizada”.
Díaz Gallego dixo que o Goberno Local si controla que os locais teñan en orde as licenzas para dispor de terrazas e que este é o primeiro Executivo coruñés que cobra aos negocios por estas instalacións.