Na nosa cidade nunca máis nin raíñas nin princesas!
Vimos de rexistrar esta mañá unha moción (preme aquí para ver a iniciativa presentada) na que instamos ao Concello da Coruña a non establecer ningún tipo de convenio con entidades, asociacións, fundacións ou empresas que empreguen de xeito degradante a imaxe das mulleres e das nenas, e que a representación do Goberno municipal non participen daqueles actos ou eventos nos que se utilice a imaxe das mulleres como reclamo ou obxecto decorativo, tais como nomeamentos de raíñas, misses, princesas, damas de honra etc.
Propoñemos nunha moción que o Concello da Coruña non estableza ningún tipo de convenio con entidades, asociacións, fundacións ou empresas ou organizadores de eventos que empreguen de xeito degradante a imaxe das mulleres ou que cousifiquen as nenas
Queremos destacar que son varios e decididos os pasos que se teñen dado desde o comezo deste mandato en materia de igualdade e na procura dunha cidade libre de violencias machistas. Hai que lemnbrar que nos dous primeiros plenos foron aprobadas por unanimidade sendas mocións que recollían acordos significativos para avanzar cara unha cidade se violencias machistas.
Mais tamén constatamos que a pesares de todos estes acordos, actuacións, manifestacións de intencións que reiteradamente se fan, e da procura continuada dunha cidade libre de violencia machista, aínda, por desgraza, son infinitos os pasos que se teñen que seguir dando, e que debe ser a propia representación da veciñanza quen debe encabezalos.
Pretendemos dar así un paso máis para acadar unha cidade libre de violencia machista
Un deles é regular, do xeito que legal e administrativamente proceda, o eliminar calquera convenio, subvención, colaboración e/ou relación con colectivos, entidades e organizadores de eventos nos que a imaxe das mulleres é utilizada como reclamo ou obxecto decorativo. E tamén regular a representación institucional do propio Concello da Coruña e da representación do Goberno municipal, cando se participa en actos festivos nos que, por exemplo, se elixe e condecora a mulleres e nenas como raíñas das festas. Unha elección que atende a un concepto sexistas sobre a muller e para a que se utilizan uns criterios pouco xustificables nunha sociedade moderna, democrática e que loita pola igualdade.
Para nós as actividades de elección de raíñas, que son proxectados socialmente, perpetúan unha visión do mundo machista ao cousificar o corpo das mulleres, e, de xeito moito máis infame, o das nenas, xa que logo resulta indecente inocular a idades temperás a participación nos eventos de elección de raíñas e damas de honra. Son actividades que buscan interiorizar certos patróns de xénero e de beleza nas mozas desde a infancia e resultan perniciosos para a imaxe e o autoconcepto das mulleres.
As actividades como as de elección de raíñas, que son proxectados socialmente, buscan interiorizar certos patróns de xénero e de beleza nas mozas desde a infancia e resultan perniciosos para a imaxe e o autoconcepto das mulleres
Cústanos entender como en pleno século XXI aínda poida haber eventos deste tipo que reproducen roles de xénero e un canon de beleza dominante e excluínte, que en nada beneficia ao conxunto das mulleres nin contribúe a termos unha sociedade máis igualitaria e integradora., insisten as nacionalistas.
Por todo isto, propoñemos que o Pleno do Concello acorde incluír, na forma que legal e administrativa que se considere máis acaída, cláusulas nas convocatorias de axudas, actividades e/ou festexos nas que se condicione a concesión das mesmas á non utilización da imaxe da muller como reclamo e con connotacións de tipo sexual ou á denigración da súa imaxe.
Do mesmo xeito, tamén propoñemos que o Concello da Coruña non subscriba e/ou non conceda ningún convenio nominativo, de colaboración, ou de calquera outra índole, con entidades, asociacións, fundacións e/ou empresas que empreguen a imaxe da muller como reclamo e con connotacións de tipo sexual ou de denigración da súa imaxe, tanto na súa actuación ou quefacer diario como en campañas puntuais ou publicitarias.
Por último, queremos que se tome o acordo polo cal as representacións do Goberno municipal non participen naqueles actos ou eventos nos que se utilice a imaxe das mulleres como reclamo ou obxecto decorativo, tais como nomeamentos de raíñas, misses, princesas, damas de honra ou calquera denominación con connotación claramente misóxina, cousificadora e/ou onde a imaxe das mulleres sexa empregada de xeito vexatorio, humillante, degradante ou en condicións non igualitarias.
A Coruña, 1 de xullo de 2016