Levamos a eliminación da peaxe da estrada AG-55 ao Pleno
Vimos de rexistrar no Concello da Coruña a moción aprobada onte na Deputación da Coruña na que se solicita a eliminación total da peaxe da AG-55. Deste xeito recollemos a demanda popular para a eliminación desta peaxe e instamos ás demais forzas políticas a se sumaren a esta proposta xa aprobada pola Deputación.
Levamos ao Pleno a moción aprobada onte na Deputación da Coruña na que se solicita a eliminación da peaxe da autopista AG-55
Hai que lembrar que a creación do Porto Exterior trouxo consigo a construción dun vial de acceso, coñecido como AC-15, que enlaza coa AG-55 na peaxe de Pastoriza. Porén, o proxecto contemplaba que o tránsito portuario non estaría suxeito a peaxe. Para pór en funcionamento ese vial, que se inaugurou cunha demora evidente, o martes 7 de xuño o Ministerio de Fomento e a Xunta de Galicia asinan un convenio en que non hai eliminación da peaxe para o conxunto de usuarios e usuarias da AG-55, mais faise unha excepción co tránsito portuario e o Ministerio pagará a Audasa polos meses que restan de 2016 30.000 euros modificables en función do número de movementos, todo isto até que o Ministerio de Fomento constrúa un novo vial que conecte o acceso portuario coa rede de estradas do Estado (obra taxada en 29 millóns de euros).
Fomento e a Xunta néganse conscientemente a escoitaren as reiteradas solicitudes da corporación de Arteixo e das veciñas e veciños, que piden que non se faga a nova obra e que se estude o rescate da concesión, xa non só por unha cuestión de equilibrio territorial e medioambiental, mais tamén polo estragamento de recursos públicos: coa construción do novo vial proxectado ficaría en desuso unha parte desta obra agora inaugurada e por tanto millóns de euros abandonados.
Recollemos así a demanda social unánime da supresión da peaxe e instamos as demais forzas políticas a se sumar á reivindicación da Deputación e doutros concellos das comarcas da Coruña e Bergantiños
É moita a xente que de cotío se despraza aos polígonos industriais, e mesmo por razóns familiares, á Arteixo ou aos concellos da comarca de Bergantiños. A vinculación diaria e os movementos de tráfico nas estradas a AC-415 e a AC-552 desde á Coruña e cara a nosa cidade así o indican. A permanencia desta peaxe hoxe en día non é senón o perpetuar o expolio á cidadanía por conta dunha empresa, Audasa, perpetrado nas vésperas das eleccións autonómicas de 2005.
É por iso que, e do mesmo xeito que a moción presentada na Deputación, solicitamos rexeitar o convenio asinado pola Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento que mantén a peaxe na AG-55 para o conxunto da poboación e que crea, ao mesmo tempo, unha peaxe na sombra pagada con cartos públicos para o tránsito portuario, tamén solicitamos rexeitar a imposición de futuras peaxes como consecuencia da futura construción de enlaces co vial AC-15 de acceso ao Porto de Punta Lagosteira en Arteixo e solicitar á Xunta de Galicia a eliminación total da peaxe da AG-55 para o conxunto da poboación e, finalmente, dar traslado destes acordos á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado.
A Coruña, 30 de xuño de 2016