UNHA INICIATIVA DE AVIA VEIRA

Moveuse xa o Goberno Local para as traballadoras do SAD veren actualizados os seus salarios?

Shot of a woman assisting her elderly patient who's using a walker for support
No pleno do pasado mes de xuño a Corporación aprobou por unanimidade unha moción do BNG, defendida por Avia Veira, que substancialmente demandaba dúas cousas do Goberno Local. Primeira, que se dirixise ás concesionarias do Servizo de Atención a Domicilio (SAD) para lembrarlles a súa obriga de actualizar os salarios das súas traballadoras de acordo co IPC de 2021 (6,5%). Segunda, que instase a Xunta de Galiza a incrementar o financiamento do SAD por medio do aumento do prezo do servizo, de modo a mellorar as condicións laborais das traballadoras.
Moveuse xa o Goberno Local para as traballadoras do SAD veren actualizados os seus salarios?

“Dixemos no seu momento que faríamos seguimento do cumprimento dos termos desta moción”, afirma Avia Veira, razón pola cal a concelleira nacionalista acaba de rexistrar unha pregunta por escrito para saber se o Goberno Local ten xa dado pasos quer en relación coas concesionarias quer no que ten a ver coa Xunta.

“Debemos ser firmes na defensa dunhas traballadoras que deberían ter unha valoración social e unhas condicións laborais de acordo coa importantísima función que desenvolven na nosa cidade. O mínimo, desde logo, é que as empresas cumpran o convenio colectivo e os salarios sexan revisados para as traballadoras non perderen poder adquisitivo”, afirma Avia Veira, para quen as administracións públicas deben velar para que as empresas concesionarias respecten a lexislación.

Na eventualidade de as concesionarias se negaren, como até agora, a cumprir coas súas obrigas a respecto da actualización salarial, Avia Veira quere saber cales “son as medidas concretas” que tomaría o Goberno Local para obrigar as empresas a se ateren aos pregos que rexen o servizo.

Tamén inquire Avia Veira se o Goberno Local se dirixiu xa á Xunta “para trasladar a exixencia da Corporación para mellorar os contratos do SAD aumentando o prezo do servizo”. “Se o fixo, como se comunicou?”, pregúntalle a concelleira ao executivo coruñés.

 

 

Moveuse xa o Goberno Local para as traballadoras do SAD veren actualizados os seus salarios?