ACTO TRIBUTO ORGANIZADO POLO GRUPO DE BARRIO DO BNG DE MONTE ALTO

Moncho Valcarce, na memoria no seu 30 cabodano: amor á Terra e combate contra o espolio enerxético do país

Acto Moncho Valcarce
Mercedes Queixas, durante a súa intervención
Moncho Valcarce, o crego das Encrobas, é símbolo de moitas cousas. De compromiso coa cultura e a lingua galegas, de amor á terra -a natureza-, de combate a prol da mellora nas condicións de vida dás clases traballadoras e de loita contra o espolio enerxético do país.
Moncho Valcarce, na memoria no seu 30 cabodano: amor á Terra e combate contra o espolio enerxético do país

Todas esas facetas da poliédrica personalidade de Moncho Valcarce (1935-1993) foron invocadas no acto na súa homenaxe que o BNG realizou este sábado no cemiterio de Santo Amaro, coa asistencia dun cento de persoas. Un tributo hoxe tal vez máis sentido do que nunca, ao ser o 30 cabodano de quen tamén simbolizaba a posibilidade dunha Igrexa galega e en galego.

“Foi e é un dos meus referentes. Un dos nosos”, afirmou na súa intervención a nosa deputada Mercedes Queixas. Referente xa na infancia, “aínda que eu non fose plenamente consciente do seu significado”, cando na súa familia paterna se referían á rebelión popular das Encrobas. “Cando se falaba de que o que se lles ofrecía aos labregos era pan para hoxe e fame para mañá. O tempo deulles a razón”, dixo Queixas.

Acto Moncho Valcarce 3
Manuel Lugrís evocando la figura do crego das Encrobas

Esa loita contra a depredación dos recursos naturais do país, sen deixarnos máis que estragos no noso medio ambiente, é un dos legados de Moncho, resaltou Queixas. “Continuamos o seu camiño, o que nos ha levar á soberanía e ao autogoberno, a dispormos nós dos nosos recursos, a xestionalos en beneficio da sociedade galega”, dixo.

Alén de Queixas, no acto tomaron a palabra Manuel Lugrís, polo grupo de barrio do BNG de Monte Alto –organizador do evento como vén facendo desde hai 29 anos-, Xácome Santos, presidente da Irmandade Moncho Valcarce, e os voceiros do BNG en Cerceda e Culleredo, Alberte Sánchez Regueiro e Tono Chouciño, respectivamente.

Xácome Santos rescatou unha frase de Valcarce que nos ilumina sobre o seu pensamento, sempre do lado das persoas humildes: “O amor de Xesús aos poderosos é denuncialos para ver se abren os ollos”.

O tributo a Valcarce concluíu coa entoación do himno galego: “Viva Galiza Ceibe. Viva! Viva Moncho Valcarce. Viva!”. A súa memoria, desde logo, está máis viva que nunca.

 

Moncho Valcarce, na memoria no seu 30 cabodano: amor á Terra e combate contra o espolio enerxético do país