As modificacións na ordenanza da auga son insuficientes
A Coruña, 5 de novembro de 2015.- O Grupo Municipal do BNG vén de constatar que as modificacións efectuadas na Ordenanza número 5 reguladora da taxa polo subministro de auga non implicará grandes cambios a respecto do que actualmente veñen pagando as e os coruñeses. Incluso o proxecto final pactado entre o PSOE e a Marea Atlántica, foi empeorado a respecto da proposta inicial que achegou no seu momento o Goberno municipal no que ten a ver co prezo da cota fixa para o tramo de caudal de 2,5 m3/h -o da maior parte das persoas consumidoras- pois se propoñía a súa rebaixa a 4,07 euros e finalmente fica en 5 euros, sinala Avia Veira.
O BNG cualifica de insuficientes as modificacións na proposta de ordenanza da auga a respecto da aprobada polo PP
Desde o BNG, insisten en subliñar que a proposta que lle trasladaron hai dúas semanas ao Goberno municipal, por correo electrónico e da que non obtiveron contestación ningunha, pasaba pola derrogación da suba do recibo da auga, aprobada polo PP a finais de 2012 e que supuxo un incremento en máis dun 25%. Lembran que a suba executada polo anterior Goberno municipal supuxo unha modificación substancial á alza que repercutiu na maioría de persoas consumidoras. Coa proposta aprobada onte só haberá, por exemplo, unha rebaixa 76 céntimos por metro cúbico; coa derrogación que propoñía o Bloque a baixada ascendería a 1,69 euros por metro cúbico, un 128 % máis.
As nacionalistas entenden que o Goberno municipal non atendeu ningunha das propostas que lle achegou respecto ao recibo da auga
As nacionalistas indican que as súas propostas pasaban por rescatar a ordenanza de 2012 e polo tanto derrogar a totalidade da suba do recibo da auga aprobada polo Partido Popular alén da cota fixa, cuxa baixada é insuficiente. Os outros conceptos polos que a cidadanía da Coruña vai seguir pagando igual que co Partido Popular, cuxas taxas polo tanto non se modificaron, e que a formación nacionalista tamén reclamaba rebaixar son: a taxa por sumidoiros, que se duplicou para o ano 2013, a taxa polo servizo de depuración, que naquel momento aumentou un 460%, e mesmo a taxa polo que se establece o cobro de 12 euros ás usuarias e aos usuarios por dar de alta o servizo, que non existía antes de 2013.
Renunciouse a derrogar a suba do recibo da auga imposta polo anterior Goberno municipal do PP a finais de 2012 e que supuxo unha suba de máis do 25% no prezo do recibo, sinala Avia Veira
Manter estas taxas supón seguir aplicando de xeito inequívoco os criterios económicos polos que xustificou o Partido Popular a desproporcionada subida de 2012, e seguir repercutindo o recibo da auga nas persoas consumidoras, desatendendo criterios de equidade e de xustiza fiscal, conclúe Avia Veira.