Sen informes para a Renda Social Municipal
A Coruña, 4 de novembro de 2015.- O Grupo Municipal do BNG sinala que, logo de solicitar o acceso aos informes de Intervención e de Asesoría Xurídica a respecto do Proxecto de ordenanza reguladora da Renda Social Municipal, o Goberno Municipal da Marea Atlántica recoñeceu na súa contestación (achégase dixitalizada) que non existen tales informes.
O BNG sinala que o Goberno municipal recoñece nunha contestación que carece dos informes de Intervención e da Asesoría Xurídica e que o único informe co que conta a Renda Social Municipal é o que estabelece o custo económico da súa implantación
As nacionalistas sinalan que tamén solicitaron o acceso aos informes das/os técnicas/os dos Servizos Sociais Municipais mais o Goberno local indica na súa contestación que tampouco existen e que o único informe co que conta este proxecto de ordenanza é un de carácter económico que recolle os custos de implantación da RSM.
O Bloque sinala que o lóxico tería sido facer público o Proxecto de ordenanza reguladora da Renda Social Municipal xunto cos informes da Asesoría Xurídica que avalen a súa legalidade, da Intervención para avalar a súa viabilidade económica e das/os técnicas/os dos Servizos Sociais Municipais para dar conta da súa idoneidade.
As nacionalistas anuncian que mañá celebrarán no seu local comarcal ás 20:00 h unha Asemblea aberta para tratar o Proxecto de Ordenanza reguladora da Renda Social Municipal
Demandamos que existan todos estes informes para evitar que os debates que se produzan por parte da oposición e das entidades sociais poidan ser en balde e que as achegas se poidan elaborar con rigor e seguridade, manifesta Avia Veira.
Asemade, o Bloque da Coruña sinala que mañá, xoves 5 de novembro ás 20 h, celebrará no seu local comarcal (rolda de Outeiro, 62, entrechán) unha Asemblea aberta para falar do Proxecto de ordenanza reguladora da Renda Social Municipal.