VAINA DEFENDER FRANCISCO JORQUERA NO #PLENOXUÑO DESTE 2X
Unha moción do tecido social para o Concello organizar unha consulta popular sobre o futuro do porto
A moción, que polo BNG será defendida no Pleno por Francisco Jorquera, promóvena as seguintes entidades: Comisión Aberta en Defensa do Común, Centro Social Gómez Gaioso, Asociación Cultural O Facho, Asociación Cultural Alexandre Bóveda, Club de Opinión Foro Cívico, Hábitat Social e Vangarda Obreira, ben como as asociacións veciñais de Castrillón Urbanización Soto "IAR", Os Castros, Monte Alto, Agra do Orzán, San Cristovo das Viñas, Feáns, Cidade Vella, Labañou e Eirís.
Sobre o futuro dos terreos portuarios, que foron gañados ao mar e que deben ser devoltos ao Concello de forma gratuíta, paira unha ameaza, a de que sexan pasto da especulación urbanística, nun contexto marcado por unha preocupante tendencia, a que sinalan os proxectos inmobiliarios programados no noso litoral, desde o das Percebeiras até o da zona próxima á praia de Oza. Proxectos que contan cunha firme oposición veciñal.
Sobre o futuro dos terreos portuarios, que foron gañados ao mar e que deben ser devoltos ao Concello de forma gratuíta, paira unha ameaza, a de que sexan pasto da especulación urbanística
A alcaldesa -lémbrase na exposición de motivos desta iniciativa- ten declarado que "serán os coruñeses quen decidan o que se vai facer con esa parte da cidade pensando no futuro". Declaracións que apoiamos e que necesariamente se teñen que traducir na convocatoria dunha consulta popular "antes de formalizar calquera acordo relativo ao futuro dos terreos do porto interior para saber se a cidadanía avala ou non a iniciativa". Caberalle ao Pleno da Corporación a tarefa de fixar o texto da pregunta ou preguntas da consulta.
En todo caso, segundo mandata esta moción, o Goberno Municipal terá en conta o resultado da consulta nas súas relacións, acordos ou convenios co resto das administracións públicas concernidas neste asunto.
Esta moción vén precedida xa dun acordo plenario -6 de marzo de 2017- en que se pedía a cesión gratuíta ao Concello de todos os terreos desafectados e a realización dunha consulta popular segundo o artigo 10 do Regulamento de Participación Cidadá e o artigo 257 da Lei 5/1997 da Administración Local de Galicia.
--