UNHA INICIATIVA DE JORQUERA
Unha moción para o Concello se opor ao despregamento da eólica mariña
A iniciativa do BNG pretende a declaración da costa galega como zona excluída da eólica mariña, “co obxecto de garantir o futuro do sector pesqueiro e de miles de familias que viven do mar”.
O candidato do BNG á Alcaldía argumenta que estamos ante unha escolla. Ou defendemos a pesca, un sector vital para a economía galega (máis de 31 mil empregos directos, 120 mil inducidos, 2% do PIB galego) ou entregamos o noso mar ás grandes eléctricas.
Cómpre lembrar que os Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) aprobados polo Goberno central deseñan un mapa en virtude do cal se instalaría no noso país 43% da eólica mariña prevista para todo o Estado, uns 2.200 quilómetros cadrados.
“Se se consumar”, advirte Jorquera, “suporá a perda de miles de postos de traballo nun sector clave da nosa economía, no que sería o maior ataque histórico á pesca e aos ecosistemas mariños”.
Ou defendemos a pesca, un sector vital para a economía galega (máis de 31 mil empregos directos, 120 mil inducidos, 2% do PIB galego) ou entregamos o noso mar ás grandes eléctricas.
A incompatibilidade entre a pesca e a eólica mariña vén determinada polas condicións da plataforma continental galega: “As súas dimensións son moi pequenas, se as comparamos coas dos países europeos en que funcionan estas instalacións”, argúe Jorquera, para a seguir remarcar que “a instalación de aeroxeradores na nosa plataforma continental dificultaría o
tráfico marítimo, nun corredor que xa ten o triste récord de ser o de maior sinistralidade de Europa”. Alén do máis, impediría o uso de determinadas artes de pesca, engade.
A moción tamén pon o foco na Administración galega. A Xunta debería aterse, considera, ao posicionamento unánime adoptado polo Parlamento galego en 2009 cando a cámara aprobou a declaración de Galiza como país excluído da eólica mariña.