UNHA INICIATIVA DE FRANCISCO JORQUERA
O tempo medio de xestión dunha licenza por parte do Concello non debería superar os 3 meses
En concreto, o portavoz do Bloque insta o Goberno Local a que impulse “todas as medidas necesarias para que o tempo medio de xestión de licenzas non supere a barreira dos tres meses”.
“Sendo certo que é importante extremar o rigor e a seguridade xurídica na tramitación das licenzas, esta circunstancia non pode ser o pretexto para a inacción perante demoras inxustificadas”, considera Jorquera.
Non poucos colectivos se teñen dirixido ao BNG para transmitir o seu malestar perante a excesiva lentitude coa que se tramitan as licenzas no Concello. “A tardanza na resolución provoca un importante quebranto ás persoas interesadas”, entende Jorquera. E subliña que as excesivas demoras agravan “situacións de exclusión que viven persoas con mobilidade
reducida” –cando por exemplo se eterniza a tramitación da licenza para a instalación dun ascensor- e dificultan “o normal desenvolvemento de moitas actividades económicas, desde o sector inmobiliario até o hosteleiro e o pequeno comercio”.
Jorquera quer saber cal é o tempo medio de tramitación das licenzas e inquire o Goberno Local se fai “un seguimento periódico e sistemático das solicitudes tramitadas e pendentes de resolución e dos motivos da súa non materialización”.
Para o BNG, sería útil que o Concello publicase mensualmente o número de licenzas aprobadas, desagregando as de apertura, obra nova, primeira ocupación e comunicación previa, ben como o tempo que se investiu na aprobación de cada unha delas.
Igualmente, Jorquera urxe o Executivo coruñés a que implante unha plataforma telemática que permita axilizar a solicitude de licenzas e o seguimento das distintas fases da súa tramitación por parte das persoas demandantes.