Malia a delicada situación de Emvsa, o Goberno local encárgalle o aparcadoiro do Oncolóxico
A Coruña, 20 de setembro de 2013.- A Xunta de Goberno local de hoxe acordou encomendar a Emvsa os traballos de estudo, promoción, construción e explotación dun aparcadoiro nas inmediacións do Centro Oncolóxico de Galiza (concretamente nunha parcela que forma parte da estrada estatal AC-12 que foi cedida polo Estado ao Concello da Coruña sen a prestación económica que o Estado lle tiña que dar ao Concello da Coruña). En virtude deste acordo, EMVSA está obrigada a construír este aparcadoiro asumindo ao cento por cento todos os gastos de construción e explotación deste equipamento, sen que figure no acordo da Xunta de Goberno Local ningunha referencia a outro tipo de financiamento. A única remuneración que obterá esta empresa pública vén da explotación do aparcadoiro durante o prazo de explotación da concesión.
Alén do indicado no acordo da XGL de hoxe (EMVSA estará obligada a construír un aparcamiento en una parcela de 10.740m2/suelo. Por tanto, la principal instrucción de esta encomienda es la construcción del aparcamiento, unido a su posterior explotación. La remuneración de EMVSA consistirá, unicamente, en la explotación del aparcamiento durantel el plazo de la explotación de la concesión), o prego de cláusulas regulador da concesión administrativa a favor de EMVSA é claro ao respeto cando indica literalmente que EMVSA asume, entre outras obrigas, a de financiar la totalidad de los gastos de tramitación, construcción y gestión del servicio (véxase punto 7 da cláusula quinta).
E todo isto sen ter en conta que na memoria de xestión de EMVSA advírtese de que esta empresa pública precisa de financiamento adicional para facer as obras que lle está a encargar o Goberno local. De feito, nas contas anuais de EMVSA advírtese de que a situación económica actual e as dificultades de acceso ao financiamento están a xerar incerteza, até tal punto que a dirección de EMVSA chegou a considerar na memoria de xestión un posíbel proceso de reestruturación da sociedade derivado das condicións de mercado actual.
Dificultades ou problemas de financiamento que, como lembra o Grupo municipal do BNG, veñen motivados polas múltiples e variadas funcións que está a levar EMVSA, moitas das cales non lle deberían corresponder. Ao día de hoxe, EMVSA leva as encomendas de xestión do servizo de aluguer Bicicoruña e da realización da revisión do PEPRI. Ademais, continúa as xestións para a construción dun aparcadoiro no hospital Materno Infantil e a construción e explotación do polideportivo do Castrillón. Tamén está a desenvolver a construción do aparcadoiro da praza das Conchiñas. Precisamente no informe de xestión de EMVSA alértase de que para os aparcadoiros das Conchiñas e do Materno necesitarase financiamento adicional.
Malia estas necesidades de financiamento adicional, o Goberno local segue a encargar a xestión de servizos a EMVSA. Na Xunta de Goberno Local de 24 de xullo de 2013 aprobouse a encomenda de xestión das multas do Concello da Coruña, sen que constase expresamente no seu obxecto social, e na Xunta de Goberno Local de hoxe encomendóuselle a construción dun novo aparcadoiro que deberá financiar integramente EMVSA.